• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

O Club porriñés Louriña loce o selo do Craega no Mundial de Ciclismo en Glasgow

A cidade escocesa de  Glasgow foi a sede do Mundial de Ciclismo 2023, que se disputou entre os días 3 e 13 de agosto. Entre os participantes estaban catro integrantes do Club Louriña (O Porriño, Pontevedra), do cal o Craega é un dos patrocinadores.  Por este motivo, charlamos con Vicente Giner, director deportivo do Club, para que nos contase como foi esta experiencia, e cales son as metas que espera para estes corredores de elite, para os que a alimentación saudable é parte fundamental do seu día a día.

A comezos deste verán anunciabamos o patrocinio que lle brindamos ao Club de Ciclismo Louriña (O Porriño, Pontevedra), que foi selado no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo con varios membros do club, acompañados de Francisco L. Valladares e Javier García, presidente e secretario do Craega respectivamente.

Este club conta no seu haber, entre outros méritos, co feito de ser club oficial Copa de España, e ter tres autonómicos gañados este ano (A Rioxa, Andalucía e Galicia) na sección masculina, mentres que a súa sección feminina corre tamén na Copa de España e é Campión de España de Ciclismo Adaptado, así como campioas galegas.

ROZANDO A GLORIA EN GLASGOW

Dous meses máis tarde, este club seguía na súa liña de ascenso coa presenza de catro dos seus membros nos Mundiais de Ciclismo de 2023, cuxa sede este ano foi Glasgow, que foi disputado entre o 3 e o 13 de agosto. Segundo nos relatou Giner, o club contou coa presenza de catro corredores do club porriñés: o costarricense Jason Huertas, que competiu na proba do domingo 6 de agosto en representación do seu país e aguantou co pelotón profesional durante os primeiros 170 km; Damián Ramos, corredor de ciclismo adaptado, o cal quedou ás portas de conseguir a medalla na proba de Fondo, mentres que na contrarreloxo conseguiu a primeira medalla para o club na categoría de Élite cun terceiro posto, e finalmente, a corredora Mónica Alarcón, quen competiu na proba de Gran Fondo con Iván Vidal, que acadou o posto 17.

Vicente remarcou o gran labor e sacrificio que fan estes rapaces para ter alcanzado o nivel mundial no que xa se posicionan en tan só tres anos de existencia do club e lembra que “a nivel nacional estamos arriba tamén; agora nos queda unha quincena un pouco complicada, pero imos tentar levala a cabo”. Refírese o director do club porriñés á Volta a Cantabria, a Volta a Salamanca e á Volta a Galicia, na que pasarán pola provincia de Lugo, porque a primeira etapa é A Pobra do Brollón, percorridos nos que lucirán o selo do Craega nas súas camisetas.

A ALIMENTACIÓN LIBRE DE QUÍMICOS, INDISPENSABLE NO DEPORTE DE ELITE

A alimentación saudable para calquera, pero en especial para os deportistas deste nivel, hoxe en día é fundamental; é “unha parte escondida da tecnoloxía do ciclismo”, apunta Giner. E continúa insistindo en que “canto máis natural, mellor. Nós non usamos produtos `convencionais’, senón que consumimos froita ecolóxica (non en van un dos seus patrocinadores é Kiwi Atlántico), iogures, leite e pasta… Malia que todo sae algo máis caro, paga a pena, é a premisa que temos, porque achega menos química e iso, á hora de traballar, permite unha mellor eliminación; conservamos ou baixamos peso con este tipo de alimentos” e afirma que o vínculo entre a alimentación ecolóxica e o deporte vai en aumento; de feito “os equipos profesionais cada vez se paran máis a ler ata a letra máis pequena das etiquetas”, asevera.

En xeral, o noso entrevistado considera que o importante é manter unha dieta equilibrada, sen abusar dos hidratos de carbono, polo que a súa alimentación se realiza a base de carne, peixe, moitas froitas e verduras, polo, ovos e, todo, na medida do posible, procuran que leven a etiqueta certificada co selo ecolóxico.

“Os equipos profesionais cada vez se paran máis a ler ata a letra máis pequena das etiquetas dos alimentos”

UN FUTURO DE 1.º DIVISIÓN

Este club segue a pelexar por conseguir chegar á primeira división: “Témolo en máis do 90 %, que era a misión deste proxecto, pasar de 3.º división á  1.ª. Temos asegurada a Copa de España en 2024 e nós, dende o club, queremos seguir loitando e traballando para formar profesionais de primeira calidade, que sigan medrando e poidan facer promoción noutros clubs”.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.