Orixinario de Valencia, Miguel Ángel Roig iniciou en 2019 unha nova etapa na súa vida ao comezar o proxecto de Os Biosbardos en Galicia, máis concretamente en Cecebre, Cambre (A Coruña). Miguel Ángel cultiva hortalizas e froitas certificadas en ecolóxico e, na conversa que mantivemos con el, cóntanos todos os detalles sobre esta iniciativa e tamén nos dá a súa opinión sobre a agricultura ecolóxica.
Como e cando xurdiu este proxecto? Quen formades parte del?
O proxecto de Os Biosbardos xorde hai cinco anos, en 2019, antes da pandemia. Nace como unha necesidade vital de cambiar de traballo e na busca do que é o produto rico, san e certificado en ecolóxico, que é o que cada vez busca máis xente. Despois de cinco anos estamos a traballar no proxecto agora mesmo unhas catro persoas a tempo completo e podemos dicir que conseguimos que sexa sostible.
O proxecto xa comezou directamente en ecolóxico?
Si, a idea era montar un proxecto de horta ecolóxica certificada desde o principio, porque queriamos estar dentro do sistema de certificación e entendemos que é unha forma de ter esa seguridade, de que realmente hai un organismo auditor que está controlando este tipo de procesos. É certo que nós damos un paso máis aló, baseamos o noso sistema de cultivo nos principios éticos da permacultura, que son o coidado da terra, o coidado dos animais, o coidado das persoas e o aproveitamento de calquera excedente que teñamos no propio sistema. Con isto, o que conseguimos é ter o proxecto de agricultura certificado en ecolóxico e, ademais, que sexa sostible a medio e longo prazo, non só a nivel social e ambiental, senón tamén a nivel económico, que é o que estamos a conseguir nestes momentos.
“Baseamos o noso sistema de cultivo nos principios éticos da permacultura, que son o coidado a terra, coidado dos animais, coidado das persoas e o aproveitamento de calquera excedente que teñamos no propio sistema”
Cales son os piares do proxecto?
A difusión, a colaboración e a innovación. De feito, co piar da difusión, acuñamos o concepto de Open Leira, é dicir, autodefinímonos como o concepto de horta de código libre, así que compartimos todo o que a nós nos funciona e o que non. Temos esa posibilidade de compartir coa xente a información que temos.
A colaboración é básica porque só podes chegar máis rápido, pero chegas menos lonxe. Realmente o concepto de colaboración é crear sinerxías entre diferentes entidades, proxectos, persoas, colaboradores, é dicir, crear esa comunidade na que cada un achega un gran de area para sumar entre todos. Sería como a biomímesis do bosque comestible que nós estamos a traballar, esa colaboración entre plantas para crear sinerxías; unhas axudan a outras e ao final consegues un obxectivo máis amplo. Neste sentido, pertencemos á Reserva da Biosfera e como iniciativa dentro disto temos o proxecto de ecocomedores, que consiste en prover alimentos de calidade, ecolóxicos e de proximidade a quilómetro cero á rede de colexios do noso entorno. Estamos certificados e traballando nesta liña.
A innovación porque vén do mundo do que procedo e porque entendo que o que hai que facer é buscar formas novas de realizar o que temos entre mans, é dicir, mellorar os procesos e aproveitar as oportunidades que temos preto. De feito, froito da innovación estamos desenvolvendo aplicacións e creamos a nosa plataforma Ciberleira. Traballamos cunha startup tecnolóxica que nos está a axudar a definir toda a parte tecnolóxica do que facemos. Con este Ciberleira intentamos integrar todo o relacionado coa sensorización e a xestión dos datos, neste caso para controlar a elaboración dos biofertilizantes: control de temperaturas, humidades e, logo, ter unha base de datos para traballar e sacar información para conseguir as mellores pilas de compost posibles.
Que cultivades?
Horta variada e de tempada; no inverno cultivamos os produtos de inverno da zona, e no verán, os de verán.
Ademais dos cultivos de horta variada e de tempada, tamén estamos a facer plantacións de aguacates, maceiras e froiteiras variadas que se dean ben nesta zona. Esta é a nosa aposta a medio/longo prazo.
Como traballades con estes cultivos? Técnicas, tratamentos, coidados…
Estamos a traballar cos principios da permacultura e, ademais, con técnicas da agricultura rexenerativa. O que conseguimos é rexenerar o chan, que estea ben coidado, en perfectas condicións, e que sexa o chan o que alimente as plantas, e que sexan elas co seu sistema inmune ben coidado as que se protexan contra as pragas. Non usamos insecticidas, herbicidas, nin nada de síntese química, porque estamos certificados en ecolóxico; pero o que tratamos de conseguir é que o noso sistema estea equilibrado, é dicir, se temos unha praga de pulgóns, facemos o necesario para que convivan ou se asenten as xoaniñas, para que elas regulen esa praga. É máis lento, pero ao final os resultados son máis duradeiros a longo prazo.
Atopastes algunha dificultade ao comezar a producir en ecolóxico?
No meu caso atopei todas as dificultades do mundo, pero porque non tiña nada que ver co mundo da agricultura. Xa desde o minuto cero decidimos certificar e creamos o noso sistema con base na normativa ecolóxica. É máis difícil ou máis fácil? Non o sei porque non teño experiencia en convencional. Xa desde o principio a decisión foi ecolóxico, unha decisión estratéxica.
A día de hoxe conseguimos sistematizar o traballo de todo o que estamos facendo. Temos o noso caderno de campo dixital e os nosos propios procedementos para traballar con todo o que facemos. Seguimos o procedemento que establecemos sen problema. Cando chega a auditoría temos todo controlado, sabemos o que nos van pedir, sabemos como temos que traballar, temos experiencia… Digamos que para nós é o día a día, é como preparar as ferramentas para traballar.
Por que a xente debería consumir produtos ecolóxicos?
Porque son sostibles e respectuosos co medio ambiente. A certificación que hai que en certa forma che garante que se cumpre un mínimo de condicións é a de ecolóxico. Realmente, para nós, a xente debería traballar con agricultura rexenerativa e, con isto, conseguir a certificación de ecolóxico.
Que beneficios achega a certificación do Craega, tanto para vós como para alguén que consuma produtos ecolóxicos?
Eu creo que o que achega a certificación é tranquilidade. Para a xente que non está no día a día vendo o que facemos, achega a tranquilidade de saber que hai un organismo independente que audita e controla que as cousas se fagan como se deben facer. Para nós, a certificación en ecolóxico é suficiente. O que pasa é que nos autoimpoñemos máis condicións para ser máis sostibles aínda.
Hai algo que vos gustaría que mellorase no proceso de obtención da certificación?
Quizais un pouquiño máis de apoio técnico e de acompañamento. Por exemplo, nós estamos agora desenvolvendo os nosos propios biofertilizantes e algunhas das consultas que facemos ás veces caen en saco roto. O que agradeceriamos é que tal vez con esa experiencia ou ese coñecemento que se ten da agricultura e das normativas se nos axudase un pouco para aplicala neste tipo de procesos que son novos e disruptivos e, polo tanto, necesitan un pouco máis de colaboración por parte de todos.
Que cres que podería atraer a agricultores e gandeiros convencionais ao ecolóxico? Que se debería facer para que coñecesen este mundo?
Por unha banda, concienciar ao consumidor final para que decida mercar produtos ecolóxicos. Dalgunha forma tamén desmitificar que os produtos ecolóxicos son máis caros que os convencionais, porque nalgún momento, nalgún período, déronse as circunstancias de que os nosos produtos foron máis baratos que o que se pode conseguir nun supermercado, un produto convencional, porque temos prezos estables e co noso sistema conseguimos esa estabilidade ao longo de todo o ano. Para min, o importante é que a xente, que o consumidor final, se decate de que realmente isto lle achega os beneficios que pode achegar e que ao mesmo tempo tampouco ten por que ser máis caro.
Hai pouco que celebrastes o Leira Fest. Como xurdiu a iniciativa?
A idea do Leira Fest xurdiu do equipo de traballo que temos, que é un equipazo fantástico, comprometido e implicado. Como xa iamos cumprir os cinco anos, era unha forma de celebrar eses cinco anos de proxecto e de que as cousas nos están funcionando. Entón, ocorréusenos montar un festival, un Leira Fest, no que ademais as artes estivesen tamén integradas, por iso Arte nas Leiras, de forma que estes dous mundos se visen xuntos nun día e que ademais puidésemos atraer aos nosos colaboradores, aos nosos clientes, á xente con curiosidade por ver que é o que estamos a facer aquí. Basicamente tratouse diso, de agrupar a toda esta comunidade que estamos creando nun mesmo sitio, nun mesmo día, e compartir todas esas vivencias que tivemos neste fantástico día.
Cales son os vosos plans a longo prazo? Cambiar en algo, mellorar, mantervos?
O noso propósito a medio/longo prazo é seguir medrando, seguir recollendo terras. De feito, acabamos de adquirir catro hectáreas máis aquí preto e xa están transformadas a ecolóxico, desde o minuto cero. A nosa proposta é que o proxecto medre en persoal, en xente, en comunidade, en terras e facer plantacións de froiteiras.