• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Marzo de 2026, o ecopostureo ten data de caducidade

O greenwashing ou o ecopostureo trátase dunha práctica enganosa e bastante habitual a día de hoxe. Consiste, principalmente, en asegurar que un produto é ecolóxico a través do seu etiquetado cando en realidade non o é. A partir de marzo de 2026, como un novo paso para loitar contra isto, comezarase a aplicar unha norma da UE que esixe un aval independente sobre a sostenibilidade de todo tipo de produtos.

 

Algunhas das etiquetas que nos atopamos día a día en todo tipo de artigos que consumimos de xeito habitual poden ser “bio”, “vegano”, “produto 100 % reciclable”… Con isto, os fabricantes intentan chamar a atención do consumidor que se preocupa por estes aspectos, xa que cada vez somos máis; de feito, segundo un Eurobarómetro de 2023, o 93 % dos cidadáns da UE toma xa conscientemente decisións en favor da sostenibilidade na súa vida cotiá. Porén, esta práctica xeral ten os días contados porque en España terase que aplicar unha directiva europea antes de marzo de 2026 que afectará a case todas as empresas. Deste xeito, as corporacións deberán presentar certa información sobre sostenibilidade.

Dende Aenor, a Asociación Española de Normalización e Certificación, indican que esta medida permitirá os consumidores tomar decisións de compra e que o greenwashing non teña soporte. Isto será voluntario mais, quen non consiga unha certificación, non poderá etiquetar os seus produtos como respectuosos co medio ambiente nin poderá presentarse a licitacións para obter contratos públicos.

É certo que, nunha corporación de a partir de 500 empregados, a información de sostenibilidade xa debía ser verificada por un terceiro independente. Porén, a partir de marzo de 2026, esta regulación tamén aplicará ás súas filiais e empresas medianas e pequenas. Só quedan fóra desta nova normativa as micro empresas. No informe deberanse incluír datos coma os responsables da entidade en materia de sostenibilidade, os seus produtos, a súa cadea de valor, as súas relacións comerciais e a súa cadea de subministración.

“A información que ti pos á vista dun consumidor ten que estar avalada. Xa non será suficiente simplemente con dicir que a fabricación dun produto é sostible, senón que terei que garantilo cunha certificación de redución de pegada de carbono, de pegada hídrica… Non vai ser válida unha afirmación xenérica”, resumiu así esta nova obriga Mayrata Conesa, manager de Compliance e Bo Goberno en Aenor.

Cabe resaltar que as auditorías que se farán unha vez aplicada a nova lei serán exhaustivas, anuais e presenciais, de tal xeito que o certificado que se consiga sexa 100 % fiable e de calidade, algo moi importante para os consumidores e tamén fronte a outras empresas que opten por prescindir do aval.

 

Fonte:

https://www.20minutos.es/noticia/5542172/0/100-sostenible-tiene-los-dias-contados-espana-tiene-dos-anos-para-exigir-un-aval-oficial-contra-ecopostureo/

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.