• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Marcos Vázquez, de Casa de Vázquez: “Alimentar o planeta e facelo ben é posible, e a única forma de acreditalo é certificando en ecolóxico”

Labrego de pensamento e de facer, enxeñeiro agrícola e gaiteiro: así é como se define Marcos Vázquez, de Casa de Vázquez. Este operador leva xa vinte e cinco anos producindo en ecolóxico e, ademais, tamén celebra o quinto aniversario do Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria (Muvicla), que é outro dos seus proxectos.

 

Como foron os inicios de Casa de Vázquez? Cóntanos un pouco a historia da granxa.

A historia desta casa é unha historia moi similar a calquera das historias das casas de labranza galegas. Temos 200 anos de antigüidade e hai bastante documentación escrita, xa de mediados do século XIX. A nivel comercial poderiamos dicir que levamos 200 anos de produción no mercado. Foi sometida a diversos cambios ao longo de todo este tempo, e a época de máximo crecemento foi desde principios dos anos 80 ata finais dos 2000. A partir de aí empezamos a ver as cousas doutra forma. De feito, foi cando nos introducimos no asunto da agricultura ecolóxica. De calquera maneira, esta é a historia desta casa: é semellante a calquera casa de labranza galega. Eu prefiro chamarlle casa de labranza, non explotación, porque na actualidade, que somos tan sensibles e que só unha porcentaxe tan pequena da poboación entende realmente o que é o campo, hai que pensar en que para ese 99 % ou máis de xente que non sabe o que pasa no campo, ao mellor empregar a palabra explotación chega a ser duro, non? Entón, tanto no léxico galego coma no castelán, casa de labranza é perfectamente comprensible e eu creo que queda moito máis elegante que dicir explotación. Así que, 200 anos de historia producindo para o mercado e para o autoconsumo esencialmente.

Recentemente presentouse a carne de Ternera Galega Suprema ecolóxica en Alimentaria, Barcelona, carne que ti produces. Que opinas de que se fixese isto nunha feira tan importante a nivel nacional e incluso internacional? Cres que é algo positivo?

É fundamental. Eu creo que a nivel de producións agrogandeiras e forestais en Galicia estamos na cúspide, fanse as cousas moi ben; en España e en Europa tamén se fan moi ben, pero algo que non facemos tan ben, sobre todo no mercado autonómico, por dicilo dalgún xeito, baixo o meu punto de vista compartido con outra xente tamén afincada no sector, é comunicar. Comunicar é fundamental. Estar presentes en Alimentaria é un labor de comunicación imprescindible neste intre, polo tanto, nós estamos moi contentos de ter participado alí, cun produto desta casa, non só con dobre certificación, que ten a certificación de alimentación en ecolóxico e tamén a denominación de Tenreira Galega Suprema, senón que a maiores ese becerro noso que foi para Barcelona estaba cualificado en Acruga, é dicir, que tiña unha tripla certificación de calidade e identidade. 

Que características resaltarías desta carne?

Eu empezaría polas conceptuais. É unha carne que se garante mediante un sistema público de control, que é o Consello Regulador pertinente, regulado por unha normativa europea moi estrita, que garante que a alimentación dese animal foi da máxima calidade, sen aplicación de produtos químicos, cun sistema de manexo axeitado ao que merece o propio animal e despois, por suposto, as calidades organolépticas que lle confire o manexo da Ternera Galega Suprema. Iso de estar amamantando a un animal ata que se vai da labranza é algo difícil de conseguir noutras rexións do mundo onde se apostou por un sistema de produción altamente intensivo, respectable e necesario, pero aquí fomos capaces de chegar con esa cultura ata este momento, da crianza dos animais ata o final do seu ciclo, amamantados polas vacas e coidados con máis detalle e con máis mimo nos últimos meses da súa vida. Iso nótase moitísimo nas calidades organolépticas, e xa se percibe no sabor, no olor e en todas as cousas que un cidadán común non ten por que saber de vacas nin de campo. Sen dúbida, inflúe moitísimo todo o sistema culinario: como se cociña o produto e todo iso, pero bueno, eu iso poñeríao en terceiro lugar, no final do ciclo, e empezaría pola conceptualidade, é dicir, transmitir, comunicar á sociedade que é o que se está facendo para que ese animal teña esa tripla cualificación e benestar animal, en primeiro termo; alimentación da máis alta calidade, e despois un sistema de manexo moi axeitado. Xa a segunda fase serían as calidades organolépticas e despois unha boa cociña que o apoie.

 

O Muvicla cumpre o seu quinto aniversario. Como xurdiu a iniciativa e en que consiste? Estades satisfeitos con todo o traballo feito ata agora e cos resultados acadados?

Si, estamos moi contentos de poder celebrar este 25 aniversario de produción en ecolóxico. Nos tempos actuais parece que coidar o medio ambiente é unha complicación… O medio ambiente cóidase moitísimo, aínda sen ser dentro do sector da agricultura ecolóxica. O que non se fai é transmitir ben que se coida. Temos unha moi boa produción, uns índices de aproveitamento da terra moi bos e uns resultados económicos aceptables para poder dicir que é sustentable, non? Non nos volvemos extraterrestres nin verdes por levar 25 anos pensando en como producir co máximo coidado. Creo que é o que está facendo máis ou menos a maioría da xente que cumpre coa regulación. Entón, os cinco anos do Muvicla significan tamén moitísimo para nós. Unha evolución dentro da cadea desta familia, desta labranza, porque hai 25 anos empezou o decrecemento para ser sustentables e levounos a que 25 anos despois esteamos aquí e a que hai 5 anos empezaramos a crear un museo coma outra achega máis á sociedade por parte da familia que xestionamos estas terras. O museo evoluciona… quizais o maior condicionante neste momento sexamos nós, porque non damos xa atendido todo o que o museo demanda, pero temos unha resposta fabulosa, estamos nunha fase de crecemento e de expansión moi forte.

De feito este ano, no que cumprimos 25 anos de produtores de agricultura ecolóxica e é o quinto aniversario do museo, un dos eventos que imos facer é unha exposición temporal en Madrid, na Casa de Galicia, que xa estamos planificando e que será previsiblemente no mes de xullo. Farémolo para transmitir os nosos valores de coidado do medio ambiente e de produción de alimentos de máxima calidade e promover como se fai aquí desde o museo que o mundo rural non é algo idílico, senón que é algo real e necesario, algo posible que calquera que teña a intención e traballo, traballar hai que traballar, e cando queres ver resultados, este museo e estar 25 anos de produtores ecolóxicos non sae da nada, sae de esforzo, pero como todo na vida.

Como explicarías á sociedade a importancia que ten producir en ecolóxico?

A miña forma de transmitir á sociedade a necesidade de producir en ecolóxico non é tan só a palabra ecolóxico. Para simplificar, eu o único que penso é en como dar o máximo e facelo mellor. Para demostrar que estás intentando dar o máximo e que queres facelo o mellor posible, hai que certificar, e certificar significa pasar uns controis rigorosos de produción que estás levando a cabo. Ben sei que ao mellor isto que digo é discutible, pero nós fixemos estudos, de feito no 2012 eu fixen un estudo de detalle na casa e chegamos a datos moi curiosos.

A xestión de todo este complexo de gando, de mazás… son necesarias aínda non 30 horas semanais. En cambio, para esas 30 horas estabamos producindo 1,6 veces o salario mínimo interprofesional naquel momento, duplicabamos a renda por habitante deste concello e triplicabamos case a dun xubilado… aínda que se poida dicir o contrario, estamos contentos cos resultados que obtemos. É raro ver un labrego que non se queixe, non? Pero estamos para celebrar un aniversario, tampouco é o momento de poñernos a queixarnos. Ás veces as cousas pasan por avaliar termos que todo o mundo nos di que hai que avaliar. Por exemplo, eu esforceime moito en saber cantos kW horas de enerxía gastaba por hectárea e ano. Se sabes como estás a nivel enerxético, son datos curiosos… ou cal é o rendemento dunha parcela por metro cadrado plantada de maceiras. Descubrimos que non chegabamos, aínda que intensificaramos e aínda que non estivésemos en ecolóxico, en ningunha parcela a un euro por metro cadrado e ano. Nas vacas, coas mazás si que o conseguimos, pero para saber iso hai que anotar moito. Estes resultados que eu podo expoñer, ensinar e demostrar non son inventados: son datos robustos, froito de levar 25 anos apuntando, claro, cando anotas unha cousa 25 veces… anotas moitos datos similares e podo dicir, pois en tal parcela estou superando o euro por metro cadrado e ano, ou en conxunto da explotación consumo menos de 500 kW horas por hectárea de enerxía. É simplemente pensar doutra forma e comparar, é dicir, bueno, estou despilfarrando a enerxía, estou aproveitando ben a terra e o medio ambiente? Pois por exemplo con eses datos nós establecemos unha balanza.

Que significa para ti como produtor ter a certificación ecolóxica, o selo do Craega? Dá confianza aos consumidores?

Si, eu creo que máis que nunca se necesita. Eu nacín con este Consello Regulador, con este Craega, e téñolle un montón de cariño á xente que estaba xa alí e que leva os mesmos anos ca nós como traballadores e traballadoras, e coñecín e tiven trato cos tres presidentes, con Gabino, con José Antonio e con Paco. Estou contento porque vin que o Craega progresou e que agora é moi sustentable. Eu recordo cando o secretario xeral facía labores de técnico, andaba o home por aí e tal… Afortunadamente agora hai unha separación de funcións, hai unha serie de aspectos que permiten que o Craega poida facer labores de difusión e de comunicación como estamos facendo agora. Eu creo que é fundamental, ademais do labor de control que exerce o Craega, un labor de comunicación, é dicir, a xente ten que saber que este que está aquí falando, Marcos Vázquez Marey, non se volveu verde por levar 25 anos producindo ecolóxico. Aprendín un montón e creo posible que todo o mundo poida producir o suficiente para alimentar ao mundo e ademais facelo ben. Non sei se van ter que ser certificacións tipo Craega ou outro tipo de certificacións, pero alimentar o planeta e facelo ben é posible, e a única forma de acreditalo é certificando, avaliado polos sistemas públicos de control, sobre todo en sitios coma os que por sorte aínda gozamos de estar nunha democracia en plenas facultades. Eu penso que a certificación é fundamental. Claro que existiu e existe a certificación de confianza e nunca desaparecerá, pero para atender ás necesidades do planeta hai que ter unha certificación pública e unha certificación transparente e regulada dalgunha forma.

“Creo posible que todo o mundo poida producir o suficiente para alimentar o mundo e ademais facelo ben”

Que plans tes de cara ao futuro a nivel profesional? Manterse, mellorar, cambiar en algo…?

Como todo depende da continuidade que se lle vexa a esta tendencia, a esta casa… En Galicia aínda non estamos nada acostumados ao relevo non familiar. Se é verdade todo o que conto, e eu considero que non estou mentindo, isto sería aproveitable para calquera; agora o difícil é atopar quen é ese calquera. No noso caso eu creo que pode, apunta ben, que vai haber relevo familiar, pero iso nunca é garantía ata que pasen uns anos.

A miña ilusión sería que, con relevo familiar ou sen el, isto seguise funcionando e vivo, porque se alimentou ata agora familias… Eu lembro cando contaban que eran 10 irmáns todos aquí na casa, e deu de comer a esa xente e á do entorno… E agora cos medios que temos, creo que non é o momento de pechar. A realidade vese así. Eu estou vendo labranzas con 100 vacas, con 200, 300, que son empresas que dan cartos e os mesmos titulares que son honestos o recoñecen, que dan diñeiro, que lles deu e que lles segue dando, coa súa problemática profunda e difícil, pero tamén nas grandes empresas, nas multinacionais van ter os seus aqueles, non? Aínda así non aparece remuda, iso é un problemón. Entón eu por iso insisto nisto que estamos facendo, nun labor de comunicación.

Seguramente eu coñecendo o sector ao mellor o que estou dicindo é peor entendido ou máis criticado desde dentro do sector ca desde fóra, pero precisamente quen interesa que o entenda é a xente de fóra. Por exemplo, cando explico aquí diferentes aspectos no museo aos nenos e o fago con paixón, como nace un becerro, como evolucionou o mundo da mecanización, como se pasou dunha persoa traballando no campo hai dous séculos de alimentar como moito a 5 persoas do seu entorno a na actualidade unha soa persoa traballando no campo poder chegar a alimentar a 130 persoas…, e llelo explicas con paixón vexo varias cousas. Os pequenos percíbeno moi ben, pero mellor os de cidade, porque teñen menos contaminación e escoitaron menos veces: “Isto non vale para nada, hai que pechar”. Ir desterrando todo iso é difícil. Pensar no que pode estar dicindo alguén do meu sector acerca das miñas palabras… pero bueno, dicía o meu avó que dun covarde nunca nada se escribira, así que eu aposto porque a esa gran porcentaxe de sociedade que non sabe o que é o campo, eu teño esperanza en que entendan o que é e que entendan o ben que se fan as cousas aquí, sobre todo en rexións como en Galicia, en países como España… o traballo faise ben. Que haxa unha persoa ou dúas que non o faga ben, non é significativo nin é representativo. As cousas fanse moi ben, pero aínda se poden facer mellor. Eu creo nas certificacións e de verdade encantaríame que este tipo de labores de comunicación se seguisen dando, e sobre todo transmitindo ilusión e paixón por este medio tan bonito e tan necesario.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.