• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

A garantía do selo Craega, alimentos de máxima calidade, saudables e respectuosos co medio ambiente

O selo de garantía Craega é a etiqueta que identifica os alimentos ecolóxicos certificados en Galicia e demostra que o alimento foi producido de xeito respectuoso co medio ambiente sen a intervención de elementos, compoñentes ou procesos químicos. Obtense despois de demostrar de maneira fidedigna que o produto é totalmente ecolóxico, con controis en cada fase da produción, elaboración e comercialización, cumprindo coa normativa do Regulamento (UE) 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello.

 

O papel do órgano de control

A tarefa principal que desenvolve o Craega é o control e certificación da produción ecolóxica de Galicia. Este labor realízase conforme ao devandito Regulamento, de obrigado cumprimento nos 27 países da Unión Europea, sendo o proceso de control esencial para salvagardar a confianza dos consumidores nos produtos ecolóxicos galegos. En 2023, o Craega realizou 1.560 accións de control, o que representa un aumento do 4,7 % en comparación co exercicio anterior. Estas inspeccións verifican aspectos clave da produción, como, entre outros, a orixe dos insumos, a xestión sostible das explotacións, o cumprimento da normativa europea… Ademais, efectuáronse 127 analíticas destinadas a confirmar a ausencia de residuos de produtos químicos non permitidos e a calidade dos alimentos ecolóxicos. Estas análises son un elemento crucial para garantir a integridade dos produtos certificados.

Así mesmo, no Comité de Certificación tramitáronse 432 expedientes de certificación, nos que se avaliaron con detalle as prácticas e documentación dos operadores para garantir que cumpran coas esixencias da produción ecolóxica. Estes esforzos consolidan a posición de Galicia, garantindo que os produtos etiquetados como ecolóxicos cumpran cos estándares establecidos, asegurando prácticas agrícolas e gandeiras respectuosas co medio ambiente, coa biodiversidade e coa saúde das persoas, reflectindo o compromiso do Craega coa transparencia, a calidade e a sostibilidade.

 

Por que consumir alimentos ecolóxicos certificados?

  • Aposta pola calidade. Os alimentos son producidos en condicións saudables para as persoas, os animais e as plantas, respectando os ciclos de crecemento conservando así o seu sabor natural, as súas propiedades organolépticas e conseguindo un alimento de máxima calidade.
  • Benefíciate do maior valor nutritivo. Os alimentos ecolóxicos presentan maior contido de proteínas, vitaminas e de minerais.
  • Pensa na saúde. Só se utilizan ingredientes ecolóxicos e aditivos de orixe natural, respectando o equilibrio interno do noso corpo, evitando que os elementos químico-sintéticos de síntese poidan interferir nas nosas hormonas.
  • Potencia o natural. Son alimentos non modificados xeneticamente e o cultivo e a cría fanse con técnicas de produción respectuosas co entorno, conservándoo e protexéndoo.
  • Garante o futuro. Son alimentos “limpos” nos que non se utilizan herbicidas, fertilizantes químicos nin fitosanitarios que contaminen a terra, a auga e o aire.
  • Protexe o benestar animal. Os animais desfrutan de condicións dignas, cunha superficie mínima por animal, fican libres de gaiolas e dispoñen de acceso ao aire libre. Teñen unha alimentación de orixe ecolóxica e a limitación do uso de antibióticos ou tratamentos hormonais.
  • Achega economía. Cada alimento ecolóxico certificado que consomes axuda as comunidades locais no seu desenvolvemento, facendo posibles proxectos economicamente sostibles que fixen poboación no rural.
  • Coida do medio ambiente. A produción de alimentos ecolóxicos axuda a preservar a biodiversidade e a mitigar o cambio climático.
  • Escolle seguridade. Son producidos baixo regulacións agroecolóxicas e son verificados por unha entidade independente. En Galicia, o Craega é o organismo responsable de realizar as inspeccións, tomar mostras de control en cada fase da produción e outorgar a certificación.

Como identificar o selo?

Para recoñecer os alimentos ecolóxicos, orgánicos ou bio (os tres termos significan o mesmo), temos que fixarnos na súa etiqueta.

A etiquetaxe do produto ten que ser visible no envase e conter as seguintes referencias:

  • O logotipo ecolóxico europeo. Unha folla perfilada con estrelas sobre fondo verde.
  • No caso de alimentos certificados en Galicia, obrigatoriamente o código do órgano de control (ES-ECO-022-GA) que así o certifique e opcionalmente o selo Craega.
  • O lugar de procedencia dos ingredientes, que poden ser: AGRICULTURA UE (cando as materias primas son da Unión Europea), AGRICULTURA NON UE (cando os ingredientes son de terceiros países) e AGRICULTURA UE/NON UE (cando a procedencia é mixta).

    Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.