Faite Eco do Lóxico deixou pegada no CEIP Plurilingüe de Lousada (Guntín), gañador do primeiro certame que convoca o Craega no seo deste programa educativo. “O pasado setembro, cando volvemos ao cole, a primeira preocupación do alumnado foi o invernadoiro: que iamos plantar, como preparar a terra, como gardar as sementes…”, conta M.ª Luisa Vázquez Viana, responsable do Plan Proxecta no centro. “Hoxe xa temos unhas cantas leitugas para autoconsumo e estamos agardando a colleita de repolos, coliflores e brócoli”, celebra a mestra.
O documental que fixeron os rapaces sobre que significa o ecolóxico mereceu o máximo galardón do Consello no curso 2017-2018. “No traballo implicouse todo o colexio. Todos foron quen de sentirse protagonistas”, engade a coordinadora. Por iso resultou unha experiencia tan positiva e a dirección do centro non dubidou en repetir este ano. “Fomos quen de inculcarlles aos nenos a importancia de cultivar e consumir produto ecolóxico e que ademais levaran a mensaxe á súa casa”, sinala Vázquez Viana. Unha mensaxe que non foi moi difícil de trasladar porque, nesta zona, unha alta porcentaxe das familias se dedica á agricultura e á gandería.
Este programa “é un labor de longo percorrido, ten que ir afianzándose pouco a pouco. Temos a esperanza de que sexa o xermolo dun xeito de vida máis san”, argumenta. Por iso, o CEIP de Lousada decidiu inscribirse de novo nesta modalidade do Plan Proxecta.
46 CENTROS, NA SEGUNDA EDICIÓN. A segunda edición de Faite Eco do Lóxico está a superar todas as expectativas. Promovido polo Craega no seo do Plan Proxecta, conta coa participación de 46 centros escolares de toda Galicia (34 de infantil e primaria e 12 de secundaria). O ano pasado anotáronse 34. Iniciativa da Consellería de Educación, o programa pretende afondar en aspectos vencellados coa ciencia, as novas tecnoloxías, a reciclaxe ou a alimentación mediante o traballo en rede. Deste xeito, comunidade educativa e entidades colaboradoras tenden pontes ao longo de todo curso académico para intercambiar coñecementos.
Baixo o paraugas de Aliméntate ben (impulsado por Medio Rural, Mar e Sanidade), o Consello dispón da modalidade Fai Eco do Lóxico. O seu cometido non é outro que fomentar o consumo de produto eco amosando ao alumnado os seus beneficios, tanto para a saúde como para o medio ambiente. Para iso, o Craega está a organizar charlas, degustacións e xogos en centros de toda a comunidade. Para pechar o programa, celebrarase un concurso final no que se avaliarán os coñecementos adquiridos polos estudantes.