Asistimos ao evento organizado por José González, gandeiro de Baralla (Lugo), para amosarlle o noso apoio e confianza con respecto á súa iniciativa: o propietario de Ganadería Lanzán converteuse no primeiro produtor en comercializar Ternera Gallega Suprema ecolóxica despois do acordo firmado no ano 2023 polos dous consellos reguladores: IXP Ternera Gallega e Craega.
Neste encontro, celebrado no restaurante Terras do Miño, en Lugo, estiveron presentes diversas autoridades, entre elas, o director de promoción da IXP Ternera Gallega, Luis Vázquez, e o presidente do Craega, Francisco López Valladares.
Durante o desenvolvemento do acto, José González explicou como xurdiu a idea de lanzar este proxecto e como botou a andar. Cun pasado moi vencellado ao deporte, e con gando na súa casa dende sempre, foi atravesando diversas situacións ao longo da súa traxectoria que o levaron finalmente a poñer isto en marcha.
Para mercar a súa carne, hai que descargar a app e realizar o pedido: “Quero que o consumidor final desfrute dun produto da máis alta calidade”, relatou o gandeiro. Así mesmo, ao remate da xornada González confesou que as sensacións foron moi positivas, e que confía no futuro de Ganadería Lanzán.
A granxa dispón do selo de Ternera Gallega Suprema, que asegura a lactación dos xatos durante o seu proceso de cría, e o do Craega, que certifica o manexo e alimentación natural, sen produtos químicos nos campos nin nos pensos.
Valladares considera que González elixiu un camiño acertado; dende o Craega brindámoslle todo o noso apoio para que esta iniciativa siga adiante e outros operadores poidan seguir este mesmo modelo e confiar na Ternera Gallega Suprema ecolóxica, que pouco a pouco irá sobresaíndo cada vez máis en Galicia grazas ao traballo realizado por todos os axentes que formamos parte disto.