• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Eladio Pazos, de Panadería Divina: “A xente debería consumir produtos ecolóxicos certificados por saúde. Son alimentos que veñen sen aditivos”

Eladio Pazos forma parte da terceira xeración de Panadería Divina. O seu obradoiro sitúase en Santiago de Compostela e, xunto coa axuda de dous empregados, elabora ata oito tipos de pans ecolóxicos certificados dende o ano 2008. Pazos valora positivamente todos os beneficios que lle supón contar co selo do Craega e quere seguir innovando e aprendendo cada día.

 

Como e cando xurdiu a idea de producir pan ecolóxico en Panadería Divina?

O de elaborar pan ecolóxico xurdiu no 2008, un pouco por facer algo diferente do que facían os demais, diversificar o noso negocio e apostar por algo novo.

Que pans elaborades en ecolóxico?

Temos oito pans certificados. Os que máis traballamos é o pan de trigo branco, pan integral, pan de croissant (ou, como se denomina, kamut), espelta, centeo e a nosa estrela, trigo sarraceno. Este último é moi baixo en glute e está aconsellado polos nutricionistas para facer dietas.

Como é un día normal no voso traballo?

Eu son o primeiro en chegar ás seis da mañá, miro os pedidos todos que temos, tanto por WhatsApp como por correo electrónico, por todos os medios que hoxe hai dispoñibles. Collo, fago os cálculos e producimos unicamente do que temos pedido, non facemos produción a maiores. Deste xeito, evitamos calquera tipo de desperdicio.

“Non facemos produción a maiores dos pedidos que temos. Deste xeito, evitamos calquera tipo de desperdicio”

Ata onde chegan os vosos pans?

Agora mesmo repartimos por mensaxería en Madrid, Bilbao, Alicante, Navarra e en toda Galicia.

Por que dirías que é importante contar coa certificación do Craega? Que beneficios vos achega?

O selo é unha garantía de traballo. A xente busca moito o selo porque saben que en todo momento levamos unhas guías de trazabilidade, temos xente que nos asesora, que nos di como, cando, por que e nalgún caso nos axudan a buscar proveedores ecolóxicos.

Cres que lles dá confianza os consumidores?

Si. A xente o que quere é seriedade, que esteas avalado por organismos que saiban o que é ecolóxico.

Que ten de especial o pan que se fai en ecolóxico? Hai diferenzas co convencional?

Como profesional podo dicirche que é moito máis difícil que traballar cun produto convencional. Ten en conta que aquí nos chega directamente: da terra vai ao muíño e do muíño vén a nós. As analíticas indican que non ten aditivos, pero o que é puro unhas veces nos leva moita agua, outras pouca, outras veces nos vén moi rico de glute, outras nos vén moi baixo de encimas. Cada día é distinto traballar con estas materias primas.

Como foi entrar no proceso do ecolóxico?

Ao comezo custounos un poquiño, pero bueno, como todo, máis ou menos. O que nos custa máis é atopar materia prima aquí en Galicia. Iso é case inviable, por non dicir que non hai.

Normalmente, sempre intentamos conseguila a nivel nacional: da zona de Andalucía, algo de Asturias… e, cando non, desgraciadamente, temos que irnos a produto de fóra.

Hai algo que vos gustaría que mellorase no proceso da obtención da certificación?

Gustaríame que houbese máis formación. Moitas veces facemos certas cousas por descoñecemento. No sector no que estou eu falta formación.

Por que a xente debería consumir produtos ecolóxicos?

Por saúde. Hoxe en día os nosos estómagos e corpos non están acostumados aos cereais de cultivo intensivo que temos agora, entón eu penso que unha razón importante é por saúde. Son alimentos que veñen sen aditivos, completamente virxes.

Que consello lle darías a alguén que quere comezar un proxecto en ecolóxico ou que xa está en convencional e quere empezar en ecolóxico?

Que teña paciencia, tanto cos consumidores coma cos proveedores.

Cales son os vosos plans a futuro? Manterse como estades, mellorar, cambiar en algo…

Mellorar sempre, innovar cada día e aprender con cada produto.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.