• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Coñeces as numerosas propiedades do sabugueiro ecolóxico?

O sabugueiro ecolóxico é unha das plantas máis versátiles que a natureza nos ofrece. Ao consumilo, apoias unha agricultura sostible e respectuosa co medio ambiente, ademais de coidar da túa propia saúde. Neste artigo, contámosche todos os beneficios naturais que obterás ao incorporar o sabugueiro eco na túa vida diaria, e tamén falamos do proxecto Sambucus Go, do que o Craega forma parte.

 

O Samubucus nigra está composto por bagas e flores de gran calidade. As bagas conteñen importantes propiedades medicinais e nutritivas: son antioxidantes, antivirais, antiinflamatorias e antisépticas. Ademais, reforzan as defensas e teñen atributos depurativos.

Esta planta aparece con frecuencia na paisaxe de Galicia, mais aínda se está aproveitando recentemente desde un punto de vista culinario. Coa flor e coas bagas pódense elaborar licores, marmeladas, cervexas, xelea, bombóns e infusións.

O sabugueiro é un arbusto con pretensións de árbore, xa que ten unha altura de entre 4 e 6 metros. É unha especie moi abundante en toda Europa, pero cun arraigo importante nas ribeiras dos ríos e ao longo de numerosos camiños en Galicia.

Sobre a flor desta planta, é comestible en infusión para tose, frita, en xeles, cremas etc. A flora é antiinflamatoria e resulta útil para enfermidades das vías respiratorias e para curar dores musculares. Considérase que a súa infusión calma os nervios e alivia a dor de cabeza, entre outros beneficios.

En canto ás bagas, teñen unha forma de bóla brillante de cor púrpura, case negra, nun acio colgante. O seu consumo pode darse en licores, marmeladas ou zumes, entre outros. Son un bo antioxidante natural.

 

VANTAXES DE ELIXIR SABUGUEIRO ECO

  • Importante fonte de antioxidantes
  • Reduce a intensidade e duración de gripes
  • Alto contido de proteínas
  • Achega de vitaminas A, B e C
  • Contén minerais (fósforo, ferro e potasio)
  • Combate o estrinximento

Deste xeito, o sabugueiro é útil para tratar problemas respiratorios ao favorecer a expulsión de mucosidade, reducir a inflamación das vías respiratorios e axudar a calmar a tose e a febre. É depurativo e diurético e serve coma calmante no tratamento de insomnios, migrañas e certas inflamacións.

Como podemos observar, as propiedades medicinais do sabugueiro son relevantes, tal e como reflicten numerosos estudos, os cales apoian os remedios tradicionais empregados con evidencias científicas.

 

PROXECTO SAMBUCUS GO

O proxecto Sambucus GO busca a mellora do cultivo da especie autóctona de sabugueiro para a obtención de extractos ricos en compostos bioactivos. Sambucus é o grupo operativo autonómico que leva a cabo esta iniciativa, co obxectivo global de optimizar o cultivo ecolóxico da especie autóctona de Sambucus nigra ao aplicar estratexias de manexo agronómico que permitan alcanzar niveis superiores de compostos bioactivos en flores e froitos. Forman parte disto Veigas de Sabugueiro, a Escola Politécnica Superior-Produción Vexetal, Anfaco-Cecopesca e o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

 

LEMBRA BUSCAR O SELO

É importante prestar atención ao etiquetado dos alimentos escollidos para asegurarnos de que realmente son ecolóxicos:

  • O logotipo ecolóxico europeo consiste nunha folla perfilada con estrelas sobre fondo verde; este é sempre obrigatorio acompañado do código de control da nosa comunidade autónoma ES-ECO-022-GA.
  • O selo de garantía Craega é a etiqueta que demostra que o alimento foi producido de maneira respectuosa co medio ambiente sen a intervención de elementos, compoñentes ou procesos químicos. Obtense despois de demostrar de maneira fidedigna que o produto é totalmente ecolóxico, con controis en cada fase da produción, elaboración e comercialización cumprindo coa normativa do Regulamento (UE) 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello.

 

Fontes:

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.