• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Coñeces as nosas guías temáticas?

O propósito da elaboración das guías temáticas do Craega é axudar a aqueles operadores certificados ou que estean interesados en inscribirse nos rexistros do Consello. Coa súa publicación o noso obxectivo é solucionar as súas dúbidas sobre o que é a agricultura ecolóxica, como está regulada, que condicións debe cumprir e como poder chegar a certificala. Tedes á vosa disposición en formato dixital na nosa web as seguintes:

 

Guía de Apicultura Ecolóxica de Galicia

Destaca as condicións naturais excepcionais que ofrece o territorio, especialmente nas provincias do interior, para a produción de mel ecolóxico de alta calidade. Galicia é idónea para establecer asentamentos apícolas ecolóxicos que permitan obter meles monoflorais, como o de breixo ou castiñeiro, e multiflorais, garantindo produtos recoñecidos pola súa excelencia.

A guía pon en valor o sistema tradicional de manexo das colmeas en Galicia, que facilita unha conversión sinxela á apicultura ecolóxica, requirindo só algúns axustes, como a xestión específica da cera e a adopción de tratamentos veterinarios acordes cos estándares ecolóxicos. Este recurso busca orientar e apoiar os apicultores galegos no aproveitamento sostible destes recursos naturais, promovendo unha apicultura respectuosa co medio ambiente e coa saúde dos consumidores.

 

Guía da Produción Vexetal Ecolóxica de Galicia

É unha ferramenta fundamental para agricultores e agricultoras interesados en adoptar prácticas sostibles no cultivo de alimentos. Foi elaborada tendo en conta as características ambientais, climáticas e culturais do territorio galego e ofrece información práctica e técnica sobre os principios da agricultura ecolóxica.

A guía inclúe pautas para o manexo do solo, fertilización natural, control de pragas e enfermidades sen químicos sintéticos. Ademais, promove a biodiversidade, a conservación dos ecosistemas e a mellora da saúde do solo, todo baixo os estándares establecidos para a certificación ecolóxica.

Dirixida tanto a profesionais do sector como a novos produtores, a publicación busca fomentar un modelo de produción respectuoso co medio ambiente e coa saúde das persoas, contribuíndo á sostibilidade rural de Galicia.

 

Guía de Gandería Ecolóxica de Galicia

Destaca as excelentes condicións naturais da comunidade para a produción de alimentos ecolóxicos derivados da gandería. Os prados e pasteiros galegos ofrecen un gran potencial para desenvolver ganderías ecolóxicas ligadas á terra, permitindo a obtención de produtos de alta calidade como carne, leite e queixos.

As razas autóctonas galegas desempeñan un papel crucial grazas á súa adaptación ao medio e resistencia a enfermidades, características ideais para este tipo de produción. Ademais, as explotacións extensivas e vinculadas ao territorio teñen un camiño sinxelo para converterse a gandería ecolóxica, xa que moitas das prácticas que aplican cumpren cos requisitos da normativa sobre produción ecolóxica. A guía busca fomentar este modelo sostible e de calidade en Galicia.

 

Guía de Acuicultura Ecolóxica de Galicia

Resalta as condicións naturais excepcionais do mar galego, especialmente nas rías, para a produción acuícola ecolóxica de alta calidade. Ofrece información sobre a certificación de algas, peixes e moluscos procedentes de acuicultura mariña e de augas doces.

A guía aclara que a pesca e o marisqueo de especies salvaxes non poden obter certificación ecolóxica, debido á falta de control sobre a súa alimentación e o posible impacto de zonas contaminadas. Este recurso busca fomentar prácticas sostibles na acuicultura galega.

 

Guía de Elaboradores, Envasadores e Transformadores Ecolóxicos de Galicia

Ten como obxectivo principal asesorar os operadores que desexen elaborar alimentos transformados conforme á normativa ecolóxica. Ofrece orientación para identificar e actualizar as fases críticas no proceso de transformación, asegurando o cumprimento dos estándares regulamentarios.

A guía inclúe recomendacións para aplicar as medidas correspondentes e os requisitos de produción de pensos transformados, do sector vitivinícola, da produción de fermento e a recollida, envasado, transporte e almacenamento dos produtos.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.