O número de ganderías ecolóxicas en Galicia medrou moito nos últimos tempos, ao igual que a demanda por parte dos consumidores de produtos eco. Fronte a este panorama actual, afondaremos nas seguintes liñas sobre as características destas granxas, as súas vantaxes e os alimentos ecolóxicos que se producen nas mesmas.
Na última década, fomos testemuñas dun cambio significativo nos hábitos de consumo, cun crecente número de persoas optando por produtos de gandería ecolóxica. Este fenómeno reflíctese nun aumento da conciencia sobre a importancia da alimentación saudable, o benestar animal e a sustentabilidade ambiental, ademais dos principais beneficios do sistema de produción das ganderías ecolóxicas.
En que consisten as ganderías ecolóxicas?
En termos xerais, a produción agraria ecolóxica trátase dun sistema de produción baseado nunha normativa europea propia que ten como obxectivo principal a obtención de alimentos sen utilizar substancias de síntese química (praguicidas, fertilizantes…) nin organismos modificados xeneticamente, respectando o benestar animal. Polo que, desta forma, contribúese á sustentabilidade dun sistema respectuoso co medio ambiente.
Como sabemos, as condicións naturais que existen en Galicia son moi boas para producir alimentos ecolóxicos de calidade, por tanto, non debemos deixar pasar a oportunidade de facelo aínda mellor. Así, os prados e os pasteiros galegos supoñen un enorme potencial para o desenvolvemento das ganderías, onde se poden obter produtos ecolóxicos de excelente calidade, como queixos, leite, carne etc. Tamén cabe resaltar que as razas autóctonas galegas teñen un papel fundamental no desenvolvemento da gandería ecolóxica, debido á súa resistencia a enfermidades e á adaptación ao medio.
Por tanto, para as explotacións gandeiras galegas e vinculadas ao territorio en extensivo resulta sinxela a conversión a granxa ecolóxica, porque xa están a realizar diversas prácticas recollidas na normativa sobre produción ecolóxica.
Que beneficios traen consigo?
- Conséguese unha maior calidade de vida para os animais e para os propios produtores.
- Obtéñense produtos máis saudables, saborosos, nutritivos e limpos de residuos químicos de síntese.
- Foméntase a economía rural e local facendo posible o desenvolvemento de distintas empresas e fixando poboación no rural.
- Protéxese e cóidase do entorno, conservando os valiosos hábitats que posuímos.
Como podemos diferenciar os alimentos que proveñen destas ganderías ecolóxicas?
Debemos fixarnos sempre no etiquetado dos produtos, principalmente, no seu selo:
- O logotipo ecolóxico europeo, que consiste nunha folla perfilada con estrelas sobre fondo verde; este é sempre obrigatorio acompañado do código de control da nosa comunidade autónoma ES-ECO-022-GA
- O selo de garantía Craega é a etiqueta que demostra que o alimento foi producido de maneira respectuosa co medio ambiente sen a intervención de elementos, compoñentes ou procesos químicos. Obtense despois de demostrar de maneira fidedigna que o produto é totalmente ecolóxico, con controis en cada fase da produción, elaboración e comercialización cumprindo coa normativa do Regulamento (UE) 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello.
Cales son os produtos de gandería ecolóxica máis comúns na nosa comunidade?
Hai moitísimos alimentos ecolóxicos certificados que podes atopar no teu punto habitual de compra, tanto frescos coma envasados: carne, leite e derivados lácteos, ovos ou outros alimentos derivados da gandería, así como formando parte como ingredente doutros alimentos elaborados.
Que pasos hai que seguir para inscribir a miña explotación no Craega?
Inscribirse nos rexistros do Craega implica conseguir un certificado ecolóxico co que garantir a demanda dos consumidores que esperan un produto de alta calidade (sen aditivos sintéticos e sen pesticidas). Tamén asegura que os produtos ofertados son xestionados de acordo a prácticas agrícolas respectuosas co medio ambiente e o benestar animal. Sen dúbida, o certificado ecolóxico outorga unha clara vantaxe competitiva grazas ao seu valor engadido.
Se estás interesado en inscribirte nos rexistros do Craega, o proceso é realmente sinxelo: podes consultar os detalles polo miúdo pulsando aquí ou botarlle unha ollada á nosa guía especializada aquí.