• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Cheo total no Foro Ecogastronómico de Galicia (FEGAG), organizado polo Craega

Casa RIA, situado na cidade de Compostela, foi o lugar escollido para celebrar o Foro Ecogastronómico de Galicia (FEGAG), organizado polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) coa colaboración da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). O obxectivo do foro, que se celebrou o mércores e o xoves, era achegar á sociedade galega a riqueza e diversidade do sector ecolóxico, analizando a súa amplitude e complexidade desde diversas perspectivas. O FEGAG foi un éxito rotundo, con aforo completo e valoracións moi positivas.

 

Na inauguración do evento, ás 12:00 horas, falou en primeiro lugar Francisco López Valladares, presidente do Craega, quen deu as grazas aos asistentes e ás autoridades por acudir ao acto e explicou o desenvolvemento do mesmo: “Agardo que a xornada resulte de proveito para todos e todas”, expresou. A continuación, tomou a palabra María José Gómez, conselleira do Medio Rural: “Desde a Consellería estamos encantados de estar hoxe aquí. O sector ecolóxico faino moi ben e produce con moito cariño e poñendo o corazón. Nun mundo globalizado tan competitivo, ese plus de calidade e de bo facer fainos moi grandes. É sempre satisfactorio ir ás cadeas de distribución e atopar o selo do Craega. Temos que seguir traballando neste camiño”. Tamén estivo presente na inauguración Marta Villaverde, directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

A continuación tivo lugar o primeiro dos coloquios, que foi moderado polo xornalista Manuel Cruz. Durante esta mesa de debate, centrada nas sinerxías da agricultura ecolóxica e as denominacións de orixe-indicacións xeográficas protaexidas coma un modelo de beneficio mutuo, participaron Benigno Pereira, de A Corga (Ribeira Sacra, Craega); Xosé Luis Carreira, de Arqueixal (Arzúa-Ulloa, Craega); Natalia Rodríguez, de Corisca (Rías Baixas, Craega); Juan Carlos Juncal, de Dime Salnés (Mexillón de Galicia, Craega), e Isabelle Gómez, de Traloagro (Ternera Gallega, Craega).

Logo dunha pausa para comer, na que os asistentes desfrutaron de deliciosas elaboracións ecolóxicas, comezou o segundo dos coloquios, moderado por Rafael Rivadulla, de Agronovo Ecoloxía. Nesta ocasión falouse dos atrancos e oportunidades no desenvolvemento do mercado ecolóxico en Galicia. Participaron Rosa Celia Otero, da Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios; Roberto López, da Distribución Maiorista EcoMundo; María do Mar Pérez, do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC); Juan Soriano, director do Proxecto Ecosocial Entrelampo, e Francisco Couso, director rexional de Carrefour Galicia. O primeiro día chegou ao seu fin cunha merenda ecolóxica.

A última das mesas redondas tivo lugar na xornada do xoves, ás 12:00 horas: “A excelencia da gastronomía ecolóxica galega: tradición, sostibilidade e innovación”, moderada por Jorge Guitián, crítico gastronómico. Participaron Libia Estévez, chef coordinadora de comedores escolares Km 0; Julio Mato, chef I+D en Culinaria; Martín Mantilla, chef Restaurante Berso, e Begoña Vázquez, chef Restaurante Regueiro da Cova. O foro rematou logo dun xantar con produtos ecolóxicos certificados.

 

Con este evento, O Craega reafirmou o seu compromiso coa promoción da agricultura ecolóxica en Galicia, fomentando o debate, a innovación e a colaboración entre os diferentes axentes do sector para seguir impulsando un modelo alimentario máis sostible, saudable e de calidade.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.