fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Celebrando a V Feira da Sidra Ecolóxica da Estrada

A Feira da Sidra Ecolóxica da Estrada (Pontevedra) celebra este sábado a súa quinta edición na praza do Concello. Falamos con Miguel Soto, organizador do evento, que nos desvela todos os detalles da celebración.

 

Peroja, Camino, Rabiosa e Maeloc son as sidrerías eco participantes desta quinta edición da Feira da Sidra Ecolóxica da Estrada. O evento terá lugar durante a xornada do sábado día 1 de xuño e os asistentes poderán degustar todo tipo de sidras, tanto galegas, coma nacionais e incluso internacionais, tan só coa adquisición dun vaso, que ten un custe de 7 €.

En total participan 24 sidreiros, incluíndo produtores internacionais de Portugal, Francia e a República Checa. Miguel Soto, da asociación Maceira e Sidra da Estrada, a encargada da organización deste encontro, explicounos que a novidade máis destacada deste ano é a presenza de sidreiros de Portugal. Así pois, os asistentes poderán gozar dunha ampla variedade de sidras ecolóxicas e comprenderán a importancia da produción sostible.

“Recomendo á xente vir a esta feira para que proben a sidra, que é unha bebida sana, dixestiva e diurética. É para todas as idades e xéneros e ten unha baixa graduación”

A xornada divídese en dúas partes. A primeira será a mediodía, de 12:00 h a 15:00 h, e contarase coa actuación de Tiruleque. Pola tarde, de 19:00 h a 21:00 h, terá lugar a segunda parte do encontro coa actuación de Son das Tabernas. Ademais, os hostaleiros da zona prepararán tapas e petiscos para os asistentes.

Ao final do día, entregarase o prestixioso Grolo de Ouro, un recoñecemento a unha figura destacada do sector, que nesta ocasión irá para Sidrería Astarbe, unha das máis antigas do País Vasco e que actualmente xa vai pola quinta xeración, xa que os seus inicios se remontan ao 1562.

Miguel Soto expuxo que a Feira da Sidra Ecolóxica está conseguindo unha dimensión e un volume importantes. Soto, que leva formando parte da organización desta festa desde os seus inicios, contounos que o obxectivo principal da feira é “promover o consumo da sidra, en especial da ecolóxica, e escapar dese mal hábito que ten a sociedade de dicir que a sidra é demasiado ácida. No mundo hai moitas variedades diferentes de sidra”.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.