Oito empresas certificadas polo Craega acaban de aterrar en Galicia procedentes de Núremberg (Alemaña) despois de catro intensos días de feira. En Biofach 2020, o sector eco galego amosou unha vez máis o seu potencial no que está considerado o escaparate internacional de referencia en produción bio. Baixo o paraugas do Consello, promocionaron as súas novas propostas Porto-Muíños; Toca Honey (Mieles Anta); Quescrem (Innolact); Jamones González; Conservas Orbe; The Bio Factory; Coraçai e Orballo.
Ata o stand 5 – 281 achegarónse representantes de diversas compañías e organizacións que viñeron a reforzar as axendas dos expositores. A viaxe ao país xermano tamén serviu para manter reunións con clientes que, desde diferentes puntos do mundo, se deron cita en Núremberg para estudar novas canles de negocio. Nos vindeiros meses os participantes estarán en condicións de concretar se as boas sensacións se materializan en frutíferas relacións comerciais.
O Craega non é un recén chegado a Biofach. A de 2020 era a súa vixésima edición. Nesta ocasión acudiu cun innovador stand de cartón que tiña como leitmotiv o lema Somos Semente, título da campaña publicitaria online que o Consello puxo en marcha meses atrás para promover a agricultura ecolóxica en Galicia.
A de Núremberg constitúe unha cita estratéxica para os profesionais do sector orgánico. En marcha desde 1990, Biofach e Vivaness -o salón de cosmética natural- habilitaron na pasada edición 12 pavillóns e reuniron a 3.273 expositores de 98 países.
OUTRAS FEIRAS. O Craega inaugurou o calendario de feiras sectoriais en Biofach. A seguinte parada será Biocultura A Coruña, a celebrar do 28 de febreiro ao 1 de marzo na cidade herculina. No stand agrupado do Consello haberá 21 empresas certificadas.
Asemade, a entidade que controla e certifica a produción ecolóxica en Galicia prevé asistir a outras dúas edicións de Biocultura (Barcelona e Madrid) e a Organic Food Iberia (Madrid).
[rl_gallery id=”3622″]