Os artigos que se desenvolven baixo os criterios de produción ecolóxica teñen moitos beneficios para a saúde daquelas persoas que os consomen e tamén para o seu espazo. Na seguinte publicación repasamos os criterios que deben seguir e cales son as características que os fan destacar en comparación cos convencionais.
A agricultura ecolóxica é un sistema de xestión agraria de produción baseado na premisa de obter alimentos de máxima calidade, máis naturais, saudables e nutritivos, sen usar produtos químicos de síntese, nin organismos modificados xeneticamente.
Por isto, ten un impacto ambiental mínimo, xa que seguen a normativa europea da agricultura ecolóxica, o que implica que están controlados en todo o proceso, cultivo, elaboración, envasado etc.
Existe unha ampla variedade de produtos que son certificables como ecolóxicos:
- Produtos agrarios de orixe animal ou vexetal non transformados
- Produtos agrarios de orixe animal ou vexetal transformados destinados a ser empregados para a alimentación humana
- Pensos
- O material de produción vexetativa e sementes para o cultivo
- Lévedos destinados ao consumo humano ou animal
- Produtos da acuicultura ecolóxica (peixes, algas e moluscos)
Para poder obter esta catalogación, deben seguir unha serie de protocolos que están regulados pola Unión Europea e cos que se queren conseguir os seguintes obxectivos:
- Producir alimentos de máxima calidade nutritiva, sanitaria e organoléptica
- Ser ambientalmente sostible e economicamente rendible
- Manter a diversidade xenética do sistema agrario e do seu espazo
- Aumentar e manter a fertilidade do chan
- Preservar a seguridade alimentaria
- Evitar as formas de contaminación que poidan resultar das técnicas agrarias
- Favorecer o desenvolvemento rural
Deste xeito, os agricultores suman aos seus produtos unha vantaxe competitiva e un valor engadido. Ademais, para que se cumpran as normativas vixentes reciben unha inspección anual para comprobar se seguen os protocolos indicados.
Dentro da nosa web inclúese o apartado Regulamentos e Normativa, no que se inclúen os requisitos e guías para cada unha das ramas do ecolóxico.
Beneficios para a saúde
Os obxectivos da produción ecolóxica levan implícitos a necesidade de coidar a saúde das persoas que consomen esta clase de comida. Hai moitos estudos que demostran que o seu consumo reduce o risco de sufrir enfermidades e un dos factores decisivos para isto é a non utilización de produtos químicos durante os procesos produtivos.
Os seguintes puntos describen en concreto aqueles problemas de saúde aos que o consumo de alimentos ecolóxicos pode axudar a previr:
1. Diminúen os riscos de trastornos neurolóxicos.
2. Preveñen o cancro.
3. Reducen o risco de padecer alerxias.
4. Preveñen a obesidade.
5. Evitan infeccións resistentes.
6. Axudan a reducir as alteracións reprodutivas.
Ademais, son numerosas as vantaxes do consumo de produtos ecolóxicos, xa que son nutritivos, saudables, aseguran unha máxima garantía de calidade e son desenvoltos sen ningún tipo de químico.
Normalmente, as persoas que os adquiren son aquelas que se preocupan polo seu benestar e saúde, polo que é complicado coñecer ao 100% se axudan realmente a evitar enfermidades coma o cancro; aínda así, si que sabemos que axudan a levar un estilo de vida máis controlado e cunha dieta de maior calidade.
Hai que ter en conta que estamos a falar tamén de artigos cun gran sabor, o que establece unha gran diferenza con respecto a aqueles que son convencionais.
Axuda a preservar o medio
Xa sabemos que os beneficios para a saúde son numerosos, pero non hai que esquecer que o ecolóxico tamén axuda á preservación do medio ambiente, máis concretamente á do solo e a da auga. Nos artigos Agricultura ecolóxica, un método eficaz para o aforro hídrico nos cultivos e A agricultura ecolóxica, un sistema rendible para a conservación do terreo falamos en profundidade sobre estas temáticas.
Dúas das principais características da agricultura ecolóxica son a rotación de cultivos e o emprego de fertilizantes naturais. Grazas a isto conséguense manter as propiedades do solo e evitar unha contaminación grazas ás técnicas que se empregan.
No caso dos animais, débese cumprir un proceso similar. É preciso contar cun número determinado de cabezas de gando por hectárea e hai que respectar as condicións do terreo para non erosionar o solo.
Ademais, este tipo de iniciativas empresariais son un importante apoio para o rural, xa que serven como inxección económica e como protección para os impactos negativos que supoñen as producións masivas e as grandes industrias alimentarias.
⇒ FONTES CONSULTADAS