O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) organizan unha serie de relatorios sobre o novo Regulamento de produción ecolóxica (UE) 2018/848, aplicable a partir de xaneiro de 2022. Serán impartidos pola empresa Agronovo durante os meses de setembro e outubro.
O obxectivo desta actividade é dar a coñecer a nova normativa en produción animal (bovino, avícola, ovino-cabrún, apícola e porcino) e tratar a pegada de carbono e o mercado dos produtos ecolóxicos.
Este novo Regulamento simplificará as normas de produción. Ademais, garantirá unha competencia leal para os agricultores e evitará a fraude aos consumidores. Cabe destacar que a formación técnica nesta nova normativa resulta imprescindible para a correcta evolución e consolidación do desenvolvemento agroalimentario ecolóxico.
Cada curso celebrarase en xornada única, cun total de 7 horas de duración, con contido teórico en sesión de mañá (10:00-14:00 horas) e contido práctico en sesión de tarde (15:30-18:30 horas), con visita a explotacións ecolóxicas.
As datas dos cursos son:
- 14 de setembro en Vimianzo (A Coruña)
- 16 de setembro en Curtis (A Coruña)
- 21 de setembro en Meira (Lugo)
- 23 de setembro en Baralla (Lugo)
Estas actividades son totalmente gratuítas, están abertos a calquera persoa interesada. Toda a información e inscricións en Agronovo.