Isabelle Gómez, de Traloagro, que conta coa certificación do Craega, recolleu o venres na Facultade de Veterinaria de Lugo o XXV Premio Aresa. Ao acto asistiron gañadores de anteriores edicións que apostan polo ecolóxico, entre eles Alibós Galicia, A Carqueixa, Casa Grande de Xanceda e o propio Craega.
5 dos 25 premiados do Premio Aresa, é dicir, o 20 % dos gañadores, son ecolóxicos: Alibós Galicia, o Craega, A Carqueixa, Casa Grande de Xanceda e Traloagro, quen gañou esta última edición.
Así pois, a empresa de Friol recibiu o galardón nun acto especial, xa que esta iniciativa alcanzou as 25 edicións e foi a primeira gala logo do falecemento de Álvaro Rodríguez Eiras, fundador do grupo Aresa e impulsor do Premio Aresa.
Isabelle Gómez, de Traloagro, transmitiu durante o seu discurso o orgullo que sente de ser gandeira e o valor que ten este traballo, ademais de describir a súa actividade empresarial, que xa chega aos quince anos, e expresar a súa gratitude e agradecemento por conseguir este premio.
Carlota López, cabeza visible de Aresa, tamén eloxiou o papel de Traloagro como empresa moderna e alabou a súa contribución á loita contra o despoboamento rural. A parte máis emotiva do seu discurso foi a dedicada a recordar a seu tío. Tamén recordou a Rodríguez Eiras a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, ao que alabou por ter contribuído a converter o campo galego nun sector punteiro en toda España.
Para o reitor da USC, Antonio López, a alianza con Aresa foi un acerto polo seu interese en recoñecer traxectorias públicas e privadas relacionadas coa agricultura, coa gandería ou co sector forestal, tal e como explicou durante este encontro.
A galardoada deste ano, Traloagro, conta co selo do Craega e o certificado Slowfood, que certifica produtos de proximidade. “Fagámonos valer, porque valemos moito”, concluíu Isabelle Gómez a súa intervención.
Cabe destacar que nesta gala tan especial todos os asistentes que foron galardoados ao longo do historia do Premio Aresa, incluído o Craega, recibiron unha insignia.