A nova lexislación sobre agricultura ecolóxica (Regulamento UE 2018/848 sobre produción e transformación de alimentos ecolóxicos) entrou en aplicación o 1 de xaneiro do presente ano, tras o seu adiamento por un ano debido á situación sanitaria. Ata agora a produción ecolóxica estivo regulada por normativas dos anos 2007 e 2008. A nova normativa reflicte a evolución deste sector en rápido crecemento co fin de garantir unha competencia leal para os agricultores e, ao mesmo tempo, evitar a fraude e manter a confianza dos consumidores.
PRINCIPAIS MODIFICACIÓNS
A continuación, recollemos en 13 puntos os principais cambios que terán lugar co novo regulamento:
- Concreción de requisitos para produción de sementes xerminadas.
- Haberá listas de produtos de limpeza para a produción vexetal e instalacións de transformación/almacenamento (pendentes de desenvolver).
- Posibilidade de certificación de grupos de operadores baixo requisitos concretos.
- Desenvolvemento de requisitos específicos para produción de cérvidos e cunicultura.
- Desenvolvemento de requisitos específicos para a produción de poliñas e reprodutores para futuras galiñas poñedeiras e de requisitos técnicos de galiñeiros e galiñeiros multinivel.
- Posibilidade de certificación de sal e outros produtos estreitamente vinculados ao sector agro como resinas, la sen cardar, peles, cera de abellas etc.
- Inclusión de material de reprodución heteroxéneo.
- Requisitos para a concesión de recortes do período de conversión.
- Eliminación da fase final de engorde de bovino no interior de edificios sen acceso ao exterior.
- Eliminación da posibilidade de ter pastos/praderías aproveitadas exclusivamente en ecolóxico e convencional.
- Control de comercios polo miúdo que venden produción a granel.
- Maior control sobre produtos importados que terán que cumprir as mesmas normas que os producidos na UE.
- Inclusión do termo “orgánico” como equivalente de “ecolóxico” e “biolóxico”.
Información publicada na Revista 59