Así o demostra o balance que facemos desta campaña, que se abriu aos usuarios a través da web habilitada expresamente para este uso o pasado mes de decembro e deu peche ao final do mes de xaneiro: www.alimentaofuturo.gal
O obxectivo desta campaña foi o de sensibilizar a poboación cunha mensaxe responsable: a de alimentar o noso futuro para que sexa cada vez máis ecolóxico. Para poñela en marcha contamos coa colaboración dos artistas Lidia Cao, Cestola na Cachola e Sokram, os cales deseñaron unha obra para a ocasión.
A través da web participaron persoas de moitos lugares da xeografía galega: Vigo, Ortigueira, Poio, Santiago, Lugo, A Coruña, O Valdoviño, Ferrol, Bueu, Silleda, Ribeira, Cesuras, Lalín etc. deixando a súa experiencia eco, unha acción que lles daba dereito a participar nun sorteo para levar unha camiseta e/ou unha lámina dun dos tres ilustradores citados.
SÓBRANNOS OS MOTIVOS
“Por seren saudables, deliciosos, seguros…”, “Somos o que comemos”, “O mundo eco veu a min, non eu a el”, “Cada vez consumimos máis produtos eco certificados, pola súa inmellorable calidade e, sobre todo, sen pesticidas”, “A saúde da miña familia non ten prezo”… son só algúns dos centos de razóns para o seu consumo segundo os internautas, cos cales concordamos porque, sen dúbida, as súas frases referendan a filosofía que queremos inculcar: alimentar o noso futuro para conseguir maior calidade, saúde, sostibilidade e garantía alimentaria.
A CAMPAÑA EN CIFRAS
No que atinxe á web, na cal os usuarios podían deixar as súas experiencias eco e gañar láminas e camisetas ilustradas, alcanzáronse centos de comentarios.
No referente ás redes sociais, a campaña chegou a case 48.000 usuarios e usuarias en Facebook e a máis de 9.000 en Instagram. Os contidos creados espertaron o interese dos usuarios, que visitaron a páxina do Craega en Facebook en case 2.500 ocasións e supuxeron máis de 500 visitas novas ao perfil do Craega en Instagram. Sen dúbida, unha campaña de grande éxito de participación e de interacción con todos os usuarios e usuarias eco!
GRAZAS!
Dende o Craega queremos agradecerlles a todas as persoas que forman parte desta gran comunidade galega eco, tanto a produtores como a consumidores, e só pedimos unha cousa: que esta comunidade non pare de medrar.