• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

A Comisión presenta medidas para impulsar a produción ecolóxica dentro do Pacto Verde Europeo

A Comisión presentou un Plan de Acción  para o desenvolvemento da produción ecolóxica. O seu obxectivo xeral é impulsar a produción e o consumo de produtos ecolóxicos, alcanzar o 25 % das terras agrícolas dedicadas á agricultura ecolóxica de aquí a 2030 e aumentar considerablemente a acuicultura ecolóxica.

Entre os obxectivos do plan de aquí a 2030 é aumentar considerablemente a acuicultura ecolóxica 

A produción ecolóxica presenta varias vantaxes importantes. Por exemplo, os campos ecolóxicos teñen ao redor dun 30 % máis de biodiversidade, os animais criados de maneira ecolóxica gozan dun maior grao de benestar e reciben menos antibióticos, os agricultores ecolóxicos teñen maiores ingresos e son máis resilientes, e os consumidores saben exactamente o que reciben grazas ao logotipo ecolóxico da UE. O Plan de Acción axústase ao Pacto Verde Europeo e as estratexias “Da Granxa á Mesa” e sobre biodiversidade.

O Plan de Acción está pensado para achegar ao sector da agricultura ecolóxica, que experimenta un rápido crecemento, as ferramentas adecuadas para alcanzar o obxectivo do 25 %. Presenta 23 accións estruturadas ao redor de tres eixes (impulsar o consumo, aumentar a produción e mellorar a sostibilidade do sector) para velar polo seu crecemento equilibrado.

A Comisión anima os Estados membros a formular plans de acción ecolóxicos nacionais para incrementar a porcentaxe nacional da agricultura ecolóxica. Existen grandes diferenzas entre os Estados membros en canto á proporción de terras agrícolas que actualmente se dedican á agricultura ecolóxica, que oscilan entre o 0,5 % e máis do 25 %. Os plans de acción nacionais de agricultura ecolóxica complementarán os plans estratéxicos nacionais da PAC mediante o establecemento de medidas que vaian máis aló da agricultura e do que se ofrece no marco da PAC.

PROMOCIÓN DO CONSUMO

O aumento do consumo de produtos ecolóxicos será crucial para animar os agricultores a adoptar a agricultura ecolóxica e aumentar así a súa rendibilidade e resiliencia. Para tal fin, o Plan de Acción propón varias medidas concretas destinadas a impulsar a demanda, manter a confianza dos consumidores e achegarlle os alimentos ecolóxicos á cidadanía. Entre elas figuran as seguintes: 

    • Informar e comunicar sobre a produción ecolóxica
    • Promover o consumo de produtos ecolóxicos
    • Estimular un maior uso da agricultura ecolóxica nos comedores públicos a través da contratación pública 
    • Aumentar a distribución de produtos ecolóxicos no marco do programa escolar da UE

As medidas tamén teñen por obxecto, por exemplo, previr a fraude, aumentar a confianza dos consumidores e mellorar a trazabilidade dos produtos ecolóxicos. O sector privado tamén pode desempeñar un papel importante, por exemplo, recompensando aos traballadores con “ecocheques” que poidan empregar para adquirir alimentos ecolóxicos.

AUMENTO DA PRODUCIÓN

Unha das principais medidas é aumentar a distribución de produtos eco no marco do programa escola da UE; na foto, menú escolar ecolóxico do CEIP Os Muíños (Muxía)

Na actualidade, ao redor do 8,5 % da superficie agrícola da UE dedícase a cultivos ecolóxicos e as tendencias indican que, coa taxa de crecemento actual, a UE alcanzará o 15-18 % de aquí a 2030. Este Plan de Acción achega unha serie de ferramentas para dar un novo impulso e alcanzar o 25 %. Aínda que o Plan de Acción se centra en gran medida no “efecto chamada” da demanda, a política agrícola común seguirá sendo un instrumento clave para apoiar a reconversión á agricultura ecolóxica. 

Na actualidade, ao redor do 1,8 % (7 500 millóns de euros) da PAC destínase a apoiar a agricultura ecolóxica. A futura PAC terá en conta réximes ecolóxicos apoiados por un orzamento de entre 38.000 e 58.000 millóns de euros para o período 2023-2027, en función do resultado das negociacións da PAC. Os réximes ecolóxicos poden servir para impulsar a agricultura ecolóxica.

Máis información 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.