Nun momento no que o cambio climático é cada vez máis notable, apostar polo cultivo ecolóxico como unha alternativa sustentable é imprescindible. O crecemento da agricultura convencional na actualidade non é sostible, debido á súa alta contaminación e os custos extremos que provoca.
Unha gran parte dos alimentos que consumimos percorren moitos quilómetros antes de chegar aos nosos fogares, o que contribúe a aumentar a emisión de gases de efecto invernadoiro á atmosfera.
Ademais, diversos modelos de predición asumen que a produtividade dos cultivos básicos coma o trigo, o millo e a soia poderían diminuír ata nun 30 % nalgunhas rexións polo cambio climático.
A agricultura convencional contribúe á perda de diversidade dos solos a través do emprego de fertilizantes químicos e cultivos que non favorecen o seu correcto desenvolvemento. Isto implica que diminúe a súa capacidade de defenderse ante os seus posibles depredadores, facéndoos máis vulnerables ás pragas.
A agricultura ecolóxica preséntase coma unha opción diferente a este sistema e organizacións coma a ONU inciden na importancia de aumentar a súa presenza a través destes obxectivos: aplicar prácticas agrícolas resilientes, fortalecer a capacidade de adaptación ao cambio climático e mellorar progresivamente a calidade da terra.
As características da agricultura ecolóxica que favorecen o coidado do solo
Para preservar as calidades do terreo de cultivo a agricultura sostible fai uso dunha serie de claves e recomendacións que deben seguir os produtores:
- Non se empregan químicos sintéticos, é dicir, non hai un uso de pesticidas, herbicidas, funguicidas ou outro tipo. Foméntase o uso de compost, fertilizantes orgánicos e métodos naturais de control de pragas.
- A rotación de cultivos é unha práctica esencial para previr a degradación, controlar as pragas e enfermidades, e mellorar a súa fertilidade.
- O policultivo axuda a imitar a diversidade dos ecosistemas naturais, o que pode aumentar a fortaleza fronte a pragas e enfermidades, ademais de promover unha utilización máis eficiente dos recursos.
- Promove a presenza de polinizadores naturais e outros organismos beneficiosos, axudando a conservar a biodiversidade.
Así conséguese un vínculo respectuoso co medio ambiente e prodúcense cultivos que benefician tanto á nosa contorna, como a nós mesmos. Ao mesmo tempo, séguense técnicas que respectan os ciclos naturais, o que garante a salubridade dos produtos agrícolas.
A agricultura convencional como ameaza á preservación do terreo
Se comparamos o cultivo convencional co ecolóxico apreciaremos que os métodos empregados no primeiro teñen un forte impacto no solo, facendo que se perdan as súas características esenciais.
Este tipo de agricultura fomenta un modelo contaminante e que aumenta a erosión, o que radica en que o consumo de alimentos teña unha ampla repercusión na superficie de cultivo. Pola contra, a agricultura ecolóxica non fai uso de fertilizantes químicos ou de calquera tipo en xeral, polo que se conserva a súa fertilidade.
Ademais, atopámonos cun prototipo moi estendido que fai incrementar a contaminación dos recursos hídricos. Precisamente, no artigo Agricultura ecolóxica, un método eficaz para o aforro hídrico dos cultivos xa falamos sobre como esta apoia un uso sostible para a preservación deste recurso tan escaso.
Ademais, grazas a estas características conséguese que se reduza a pegada de carbono, favorecendo unha transición cara un futuro máis verde. Hai que recordar que tamén axuda a un desenvolvemento rural sostible e á rexeneración da saúde dos campos e da protección da diversidade.
A necesidade de conservar a saúde das zonas cultivo
En definitiva, a agricultura sostible debe ser unha das alternativas principais para unha adecuada conservación das superficies. A través dos seus sistemas característicos, os agricultores aumentan o seu rendemento cara anos posteriores.
Outro dos obxectivos principais é o mantemento da biodiversidade de organismos que conservan a fertilidade da terra de diferentes maneiras (engadir materia orgánica, descompoñer organismos etc.).
Os distintos métodos empregados na agricultura ecolóxica evitan a contaminación e a sedimentación e protexen o solo nu de fender ou erosionar debido á auga, o vento e a calor excesiva.
FONTES:
/https://foretica.org/2023/11/el-eco-del-suelo-puede-la-agricultura-sostenible-salvarnos/
https://agroquivir.com/agricultura-sostenible-futuro-verde/
https://vermiduero.es/efectos-de-la-agricultura-convencional-frente-a-agricultura-sostenible/
https://fieito.com/cultivo-ecologico-guia-completa-beneficios/