O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) inaugurou o pasado venres, 30 de setembro, unha nova sede na Pantrigueira (Vilanova de Arousa). No acto estiveron presentes o presidente do Craega, Francisco López Valladares, e o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán Hermida.
Ante o crecemento que ten a acuicultura ecolóxica en Galicia, o Craega apostou por crear este espazo para darlles servizo a todos os agricultores e acuicultores da provincia de Pontevedra e así evitar os seus desprazamentos ata a sede central, situada en Monforte de Lemos. A comarca do Salnés xa contaba con dúas vogalías, que ocupan o bateeiro Juan Juncal e o conserveiro Álvaro Pérez Lafuente, tamén presentes no acto.
Desde o Consello consideran fundamental contar con este local, “posto que a acuicultura está a crecer moito, a produción de mexillóns, algas e conservas están a ter moita importancia nos últimos anos”, indica o presidente. Así se mostra nos datos da última memoria (ano 2021), na que se indica que un 20 % da facturación provén da acuicultura e o 98 % das bateas que venden baixo o selo do Craega están na ría de Arousa.
DEGUSTACIÓN DE PRODUTOS DO MAR
Durante a celebración da inauguración, que tivo unha grande acollida, os asistentes puideron gozar dunha degustación de produtos do mar ecolóxicos. Preparáronse catro receitas a base de ventresca, sardiñas, xarda, ensaladas, patés, algas, empanadas e mexillóns, todo acompañado doutros produtos ecolóxicos.