En total, realizáronse 87 pedidos por parte de 45 centros, o que supón abastecer a uns 6.800 comensais. Os alimentos demandados foron polo e tenreira, hamburguesas, verduras, froitas, queixo, iogures, ovos e elaborados, todos ecolóxicos.
A campaña que pretende levar aos comedores escolares alimentos de proximidade que estean clasificados coas seguintes etiquetas de calidade: as DOP (denominación de orixe protexido), IXP (indicación xeográfica protexida) e a agricultura ecolóxica de proximidade, pechou a súa IV edición cunha opinión xeral dos centros boa, o que revela que poderían ser cada vez máis os colexios que optasen polo consumo de alimentos producidos en ecolóxico. Este proxecto está impulsado pola Consellería do Medio Rural e pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal); tamén conta coa colaboración do Craega e de Slow Food Compostela. Dende o Consello achegamos os produtos certificados para a elaboración de menús nos comedores escolares galegos.
Algunhas das conclusións ás que se chegaron logo desta cuarta edición foron que este tipo de produtos son axeitados para o consumo dos nenos e nenas, así coma o seu envase. Ademais, os alumnos pediron repetir en moitas ocasións e os colexios incluídos nesta proposta barallan a posibilidade de mercalos nun futuro.
En xeral, fíxose unha apreciación positiva da introdución dos alimentos ecolóxicos dentro das escolas, o que indica a aceptación dos nenos á hora de consumilos. A pesar de que moitos destes pequenos non están acostumados a eles, adaptáronse rapidamente cando se incluíron na súa dieta diaria.
Dende o Consello animamos a todos os colexios a participar nesta campaña. É importante que os nenos e nenas dispoñan de alimentos eco nos comedores públicos, xa que van a ser beneficiosos para a súa saude ao estar libres de pesticidas e de químicos e ao ser moi nutritivos e conter moitos minerais.