Eva Rodríguez, propietaria de Granxa Ameixeira (Oza-Cesuras, A Coruña), conta coa certificación en ecolóxico dende o ano 2016. Foi o nacemento da súa filla, Xiana, o que lle fixo decatarse da importancia de coidar do entorno tendo en conta as futuras xeracións. Nesta conversa fálanos do seu pasado, presente e futuro, ademais do valor que ten para ela producir en ecolóxico.
Como foron os inicios desta gandería familiar e a súa evolución co paso do tempo?
O inicio da granxa Ameixeira xa vén dende a xeración do meu avó, que foi un pouco zapateiro, pero tamén se dedicou xunto coa súa muller ás vacas, aínda que inicialmente era un pouco máis de carne. Despois, cando se incorporou meu pai, sobre o 60, xa empezaron a dedicarse moito máis ao leite.
No ano 2000 entrei eu, facendo a prexubilación de meu pai, e estiven ata o 2007 os dous sós. Máis tarde, con outras dúas granxas, fixemos unha sociedade civil de catro socios e estivemos en manexo máis ben intensivo.
No 2014 naceu a nosa nena, Xiana, e me fixo pensar cos coñecementos que tiñamos, xa que o meu home tamén se dedicaba ao sector produtivo de vacún de leite, en que debiamos darlle unha volta ao sistema e coidar un pouco máis o medio ambiente e o medio natural para deixar un planeta, cando menos coma nós o recibimos, para a nosa nena.
Por circunstancias persoais e de forza maior tiven que continuar eu soa co proxecto. Quixen seguir coa idea inicial que tiñamos, de granxa familiar, podendo conciliar moi ben coa miña nena, agora xa con axuda de meus pais, miñas irmás, meus sobriños, cuñados e familia en xeral. No 2018 atrevinme a facer unha grande aposta a nivel económico para facer pastos e terra produtiva en 13 hectáreas, que estaban algunhas abandonadas e outras cunha explotación bastante dura de eucalipto. Nesa base territorial aínda seguimos traballando; xa van 6 anos, pero seguimos, moito coa axuda propia dos animais, sen laborear en exceso, pero coa volta continua dos exemplares a pastar, e estamos facendo que estean unhas terras preto de onde teño situada a granxa, onde fago os muxidos –dous ordeños por agora pero estoume pensando incluso pasar a un monordeño–, aquí na beiriña de onde está a casa de meus pais e onde está a miña granxa, en Ameixeira.
Nunca pensaches en cambiar de traxectoria a nivel profesional?
Pois si, non che vou negar que en algún momento si que o pensei, tendo en conta que estudei Relacións Laborais. Si que hai momentos de altibaixos, aínda que son os menos e gaña sempre o de poder estar cos animais e na natureza, compartilo coa miña filla, con meus pais, e vivir no rural como sempre me gustou e como quero, e aínda por riba dándolle un valor engadido a ter un coidado alto do medio natural e do medio ambiente. Sempre gaña a batalla, ademais de que contando coa axuda de agora mesmo dous traballadores, levámolo ben. Podemos ter tempo de descanso suficiente, aínda que ás veces debería ser máis.
Como comercializades o leite a día de hoxe?
O leite de Granxa Ameixeira vai para Lactalis, para Puleva Eco e demais produtos ecolóxicos de Lactalis. Si que é unha pequena cuestión que me gustaría darlle unha volta, aínda que estou agradecida de Lactalis, para facer a venda directa como un paso máis de sustentabilidade e xusto desa filosofía un tanto ecolóxica que teño, e de achegar o meu produto ao propio consumidor. En realidade estiven xa facendo as miñas primeiras indagacións e participei no programa de emprendemento da fundación Juana de Vega, a quen estou súper agradecida, e que me custou moitísimo non cumprir finalmente ese soño de chegar a facer unha venda directa do noso leite, pero que realmente era enfrascarme nun proxecto que me ía levar bastante tempo da miña vida e, por riba, economicamente tamén necesitaba dun investimento. É un proxecto que está aí en stand by, como digo sempre, non está totalmente desbotado, pero que non é o momento aínda.
Como explicarías á sociedade a importancia que ten producir en ecolóxico?
Considero que é unha pena no momento no que estamos de tanta información e tan asequible para toda a sociedade, que aínda a estas alturas teñamos que explicar as bondades dun produto ecolóxico. Un produto ecolóxico, o leite no meu caso, carne, horta, todos os produtos ecolóxicos teñen un alto valor nutritivo e de seguridade alimentaria para os consumidores. Evidentemente, non utilizar produtos químicos de síntese é un valor incalculable nos momentos en que estamos, que nos vemos con moitísima oferta de produtos manipulados e transxénicos e que realmente poden afectar á nosa saúde; xa falando só a nivel nutritivo e de saúde, pero se por riba pensamos na nosa natureza, no medio no que vivimos e na época do gran cambio climático, debemos coidar este medio porque non hai planeta B e temos que ser canto máis sustentables, moitísimo mellor.
Que significa para ti como produtora contar coa certificación ecolóxica? Cres que é algo que dá confianza aos consumidores?
Evidentemente respecto todas as decisións, pero non me cabe na cabeza que unha produtora traballe en ecolóxico e non o faga de xeito certificado. Explico o por que. Realmente o consumidor necesita unhas garantías de que ese produto é realmente ecolóxico, non digo que non poida ser ecolóxico un produto que non estea certificado, evidentemente, ao mellor incluso máis que algúns que si o están, pero dende logo para ter unha garantía, unha trazabilidade e unha seguridade alimentaria, non hai outra maneira que cunha certificación, neste caso do Craega, Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica que, por unha parte, participado pola Xunta, pola propia Administración e, por outra parte, polos propios produtores. Evidentemente, é unha garantía e unha tranquilidade para consumidores e produtores.
“Para ter unha garantía, unha trazabilidade e unha seguridade alimentaria, non hai outra maneira que cunha certificación”
Que consellos lle darías a alguén que está pensando adentrarse neste sector producindo en ecolóxico ou que xa está nel en convencional e quere pasarse ao ecolóxico?
O meu consello é que non tema porque non hai nada tan difícil. Se eu puiden, pode calquera, non hai nada tan complexo como para que a satisfacción non sexa maior que o difícil que se poida considerar. Evidentemente, eu xa veño dunha filosofía que cre neste manexo e nesta forma de produción en ecolóxico, pero penso que todo o mundo a pode ter, seguro que está aí, estará un pouco máis durmida ou non. Moitas veces o que máis nos pesa é o tema económico, porque si que hai unha perda de produción, e si que hai un tipo de manexo que require que esteas moito máis cos teus animais, sacalos para fóra, parece imposible; no caso de vacas de leite, é o contrario, é un luxo agora mesmo, nesta época tan primaveral, redúcese o traballo do día a día moitísimo, xa non falemos da diminución de problemas coma enfermidades, coxeiras e cousas dese tipo. Teño animais agora mesmo con 12 anos, que son máis vellos que a miña propia nena, que aí están producindo e que forman parte da granxa.
Ademais, é preciso ser conscientes de que o planeta que estamos empregando para alimentar estes animais e para producir a nosa economía tamén é o de futuras xeracións e xeracións, non podemos desprezalo e temos que coidalo como el nos coida a nós.
Cales son os plans de cara ao futuro para Granxa Ameixeira? Manterse, mellorar, cambiar en algo…?
De cara ao futuro a idea é manterse, que xa non é pouco, e igual non medrar moito, porque estamos ben. Si me gustaría medrar en base territorial para depender canto menos poida de insumos de fóra, para ser aínda máis sustentable, e pouco máis. Sigo aí con ese medio proxecto de venda directa, pero que non sei en que momento se retomará. Igual o deixo para se a miña filla quere continuar e dar un paso máis ou non.