• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Antonio Gómez, de The Bio Factory: «Los consumidores son cada vez más conscientes de la importancia que tiene producir en ecológico»

Antonio Gómez e Broder Fernández-Obanza son os propietarios de A Factoría Ecolóxica, unha empresa coruñesa que fabrica os seus xeados de xeito natural e tendo en conta as necesidades alimentarias dos seus clientes. Levan traballando neste sector dende o 2011 coa certificación do Craega e pretenden seguir medrando para crear moitas máis variedade de produtos adaptados a todos os consumidores.

 

Como naceu esta idea de negocio?

Broder: A Factoría Ecolóxica comezou arredor do ano 2011 co obxectivo de cubrir unha carencia no mercado dos produtos ecolóxicos: os xeados. Nese momento comezábanse a ver bastantes elaboracións diferentes, pero esta non a había. Dende entón dedicámonos a ir explorando novidades que poidan satisfacer aos consumidores e, sobre todo, tratamos de facer cada día mellor os nosos produtos.

Por que decidistes incluír ingredientes adecuados para persoas con requirimentos nutritivos especiais?

Antonio: Dende que comezamos sempre fomos sensibles ao tema das alerxias e das intolerancias. Por exemplo, xa no ano 2011 tiñamos catro xeados: dous con leite e outros dous sen ela, pero ningún contaba con glute. Sempre nos propuxemos facelo deste xeito, o cal significa que non entra ningún produto no noso obradoiro que o conteña.

Mantivémonos na mesma dinámica e, a día de hoxe, podemos dicir que a metade da nosa oferta é producida con leite de vaca –loxicamente de Galicia e ecolóxica–, pero a outra metade é sen ingredientes de orixe animal, o que a fai apta para veganos, alérxicos e intolerantes á lactosa ou á caseína.

Tedes en conta as suxestións dos vosos clientes á hora de probar novos sabores de xeado?

Broder: Tratamos de escoitar con atención aos nosos consumidores, porque ao final son os que nos permiten desenvolver as nosas actividades. Estamos moi atentos sobre todo na parte das alerxias e intolerancias.

Tamén tratamos de facer variedades innovadoras. Cando comezamos vendiamos xeados veganos, que agora xa son máis coñecidos, pero naquel momento era algo rarísimo e incluso espantaba a algún. Na actualidade, intentamos innovar mensualmente e sempre sacamos algunha nova variedade.

A última é un xeado que está chamando moito a atención, que é de pitaya e maracuiá e ten unha cor que parece que é imposible que sexa natural. 

Antonio: Facémoslles moito caso aos nosos clientes, tanto que temos cincuenta xeados diferentes a día de hoxe, o cal é bastante!

Ademais de ter unha tenda física na Coruña contades con puntos de venda por toda Galicia e España, non?

Antonio: A nosa tenda abrímola hai xa máis dunha década, porque sempre quixemos ter un punto de venda propio e que nos permitise estar en contacto directo co consumidor. Queriámolo así porque ao final do día os nosos clientes son os que van a dicir se lles gusta o que facemos ou non e, por sorte, parece que si.

Este local a día de hoxe segue aberto e continúa sendo a primeira e única xeadería ecolóxica que hai na cidade da Coruña. Eu incluso me atrevería a dicir que é a única de Galicia.

A maiores conseguimos un obradoiro de xeados, xa que nós queriamos levar os nosos produtos fóra da comunidade e agora incluso ata fóra da península. Ao final temos dúas liñas de negocio complementarias: estamos en contacto constante co consumidor e trasladamos todos eses insights que nos achega aos distintos puntos de venda que temos fóra da nosa comunidade.

Como decidistes comezar a producir en ecolóxico?

Broder: O tema de desenvolver a nosa actividade dentro da produción ecolóxica era un elemento absolutamente claro na concepción da nova empresa. Tratábase de facer produtos que lles puideras dar aos teus fillos sen ter absolutamente ningún remordemento. Ademais, moviámonos no ámbito dos produtos que son considerados como sobremesas ou produtos que consumes por pracer, non por obriga, e entón a premisa de que fose ecolóxico era unha cousa que tiñamos absolutamente clara.

«Tratábase de facer produtos que lles puideras dar aos teus fillos sen ter absolutamente ningún remordemento»

Broder Fernández-Obanza

Xa viñamos e, de feito, traballabamos naquela época en empresas de produción ecolóxica, que se dedicaban a facer alimentos deste xeito, co cal nese aspecto non tiñamos ningunha dúbida.

Credes que este tipo de produción atrae a máis persoas ou a un público concreto?

Antonio: Cada vez hai máis sensibilidade polos produtos que consumimos, miramos máis as etiquetas de todo o que levamos para a casa e, no caso do produto ecolóxico, este ten unha serie de valores engadidos en relación co convencional.

Entón, producir en ecolóxico significa contar con ingredientes que non están sometidos a químicos nin a pesticidas e, como consumidores, cada vez somos máis conscientes da importancia que ten isto.

Nese sentido, dende as nosas orixes a idea principal era producir única e exclusivamente en ecolóxico.

Por que se deben consumir este tipo de produtos?

Broder: Como sociedade, estamos nun camiño un pouco confuso e orientado á autoextinción, aínda que soe un pouco forte… Por iso é que a xente cada día é máis sensible.

Hai cousas que por convicción non podes facer porque realmente son moi complicadas. Por exemplo, vivir sen consumir é realmente imposible ou andar descalzo pola rúa porque facer zapatos contamina moito.

Nós xa o vemos dende unha perspectiva dos que pasamos do medio século, pero realmente para os nenos e nenas que teñen por diante un percorrido dilatadísimo, o consumo de alimentos –aínda que teñan fraccións microscópicas de tóxicos– vai a ser un elemento moi importante, porque a maior parte deses vanse acumulando no organismo e as complicacións aparecen en forma de enfermidades graves, coma o cancro. 

A día de hoxe, xa podes vivir consumindo produtos ecolóxicos. A única excepción que nos pasa aos que producimos e consumimos en ecolóxico é que hai un diferencial de prezo importante, que non todo o mundo pode asumir, polo que outro dos preceptos que pensamos desde a orixe era que os xeados que fixeramos, a pesar de ser ecolóxicos, tiñan que ter un prezo razoable, que fosen accesibles. Nós se tivésemos os xeados a un prezo que realmente respondese aos custos de produción reais, os prezos terían que ser moito máis altos, co que restrinxiriamos a capacidade de chegar a eles por motivos de renda. Isto paréceme das cousas máis inxustas que se poden producir nun intercambio comercial con calquera persoa.

Dende aquí tamén solicitar ás administracións que cando hai problemas en calquera sector, a solución é baixar o IVE inmediatamente, pois quitalo na produción ecolóxica sería unha boa iniciativa, por exemplo. Deste xeito, poderían acceder persoas que non teñen rendas tan altas, porque é bastante repulsivo que a xente se poida coidar dependendo delas.

Que supón para vós contar coa certificación do Craega?

Antonio: A certificación é fundamental. O Craega é o organismo que na actualidade acredita a produción ecolóxica e todos os que estamos dentro dela debemos contar cun aval. Neste sentido hai moita xente que fala de produto natural, san ou sostible, pero non contan con ningún tipo de certificación…

Entón, ten que haber un organismo que se asegure de que as cousas se fagan correctamente; neste caso, en Galicia, o Craega. Se non existise, habería máis empresas que se subirían ao carro do “blanqueo verde”. Isto é márketing puro e duro.

«Ten que haber un organismo que se asegure de que as cousas se fagan correctamente; neste caso, en Galicia, o Craega»

Antonio Gómez

Insisto en que é moi importante contar co Craega e, ao noso modo de ver, debería ser incluso máis estrito e ter máis ferramentas para poder evitar que as empresas se unan ao mundo do ecolóxico sen realmente selo.

Que consello lle dariades a unha persoa que quere comezar a producir en ecolóxico?

Broder: Cando te propós producir en ecolóxico e crear unha empresa tes que ter aspectos que te guíen na actividade. Se queres ter uns beneficios brutais, polo menos no que nós coñecemos, non é o camiño máis doado. É dicir, no mundo do xeado podes facer un produto moi rico, agradable, cremoso etc. a base de aditivos que son baratos, e vas aforrar moitos cartos en ingredientes, en leite e en froita.

Entón, quen teña perspectivas ou interese en meterse na produción ecolóxica ten que estar perfectamente convencido de que o seu obxectivo principal vai a ser desenvolver alimentos sans para coidar aos seus clientes como merecen. Ese exceso de sobrecustos que teña a produción ecolóxica vaite obrigar a ser moi eficiente para que non suban aínda máis os da produción que teñas.

O que che vai axudar sempre é ter un código ético estrito.

Cales son os vosos plans a longo prazo?

Antonio: Seguir producindo en ecolóxico, sen lugar a dúbidas. Nós fabricamos xeados con moi poucos ingredientes e propoñémonos que cada vez as nosas etiquetas sexan máis limpas. Se comparamos as nosas coas dos convencionais pódese apreciar que empregamos a metade de ingredientes e non utilizamos aromas aditivos ou colorantes. Entón, en primeiro lugar, queremos seguir así, creando xeados sans e respectuosos co medio ambiente.

En segundo lugar, desde as nosas orixes queremos crear un xeado apto para diábeticos e aínda seguimos investigando. No mercado hai moitos produtos que son sen azucre e iso é moi cuestionable dende o noso punto de vista.

En terceiro lugar, parece que o que facemos gusta e as nosas instalacións cada día fanse máis xustas, polo que o noso seguinte proxecto é mudarnos e cambialas para poder seguir fabricando.

Broder: En liña con isto, o consumo enerxético que temos a día de hoxe é practicamente solar. É dicir, temos todo cuberto de paneis –un elemento no que nos lanzamos de cabeza, porque era un investimento importante– e queremos animar ás empresas a que opten por esta enerxía que é eficiente.

A pesar da climatoloxía, damos fe desde A Coruña de que arredor o 50 % do noso consumo é enerxía solar. Hai que ter en conta que hai medio día que é noite e abastecernos a través de paneis fotovoltaicos é un éxito importante.

Ademais, no mesmo programa aparece a cantidade de CO2 que estás evitando emitir á atmosfera e unha microempresa coma nós está evitando botar ao medio ambiente sobre dúas ou tres toneladas ao día. É unha acción pequena, pero que ten unha repercusión importante sobre o medio ambiente. Extrapolado a empresas grandes sería o nova máis.

Esta página usa cookies para funcionar. Más información.