• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Época de cocido… e de carne ecolóxica!

Que mellor momento do ano ca este para desfrutar dun bo cocido? E, se é ecolóxico, moito mellor! Un dos elementos máis importantes para que o teu cocido quede perfecto é escoller a carne ideal que, por suposto, debe ser ecolóxica. Neste artigo, no cal contamos coa achega da dietista-nutricionista Cayetana Pena, contámosvos os beneficios que vos outorgará elixir carne e embutidos ecolóxicos para desfrutar ao máximo posible desta fermosa época do ano.

 

Cabe destacar en primeiro lugar que, co modo de produción ecolóxico, esta carne non trae consigo sobreexplotación. Trátase dun proceso de produción que é moito máis natural e respecta os tempos, sen acelerar artificialmente o engorde e asegurando o benestar animal. De feito, a estabulación permanente non está permitida.

 

VANTAXES DE ELIXIR CARNE ECO CERTIFICADA

Os beneficios da gandería ecolóxica no medio ambiente e no benestar animal son coñecidos e refléxanse nas producións obtidas:

  • Elixir ecolóxico é unha forma sinxela de garantir que a carne que mercas provén de animais criados en pasto.
  • Ao ser unha gandería baseada no sistema de pastoreo e forraxe, a carne é máis rica en ácidos graxos insaturados, que son máis recomendables para a saúde.
  • A graxa adoita ter un menor grao de oxidación.
  • Hai menos risco de contaminación con restos de antibióticos ou outros fármacos. Os medicamentos veterinarios só se utilizan cando resultan imprescindibles, e nestes casos duplícanse os prazos de seguridade e hai establecido un número máximo de tratamentos.
  • Cor máis intensa. Grazas á alimentación de calidade, a carne conta con numersosos antioxidantes e vitaminas, o que repercute na súa cor.
  • Ten máis proteína e de maior calidade, que se adapta perfectamente ás características produtivas do noso territorio e por isto en gran medida está libre dos danos ambientais que se atribúen ao sector cárnico en xeral.
  • No caso dos produtos derivados da carne, os aditivos convencionais límitanse moito na elaboración ecolóxica, tanto en cantidade coma en calidade.
  • Coa compra directa de carne local axúdase as granxas de tamaño familiar.

En xeral, trátase dunha carne máis saudables ao non conter químicos, na cal non hai hormonas de crecemento nin de engorde e que, como resultado final, o seu sabor é moito mellor.

Ademais, as granxas ecolóxicas adoitan ser explotacións familiares pequenas, sen apenas impacto ambiental, ao utilizar o propio xurro do gando como fertilizante, e que axudan a fixar poboación no medio rural.

Así que, xa sabes: nesta época de inverno, e tamén durante o resto do ano, desfruta ao máximo de embutidos e de carne ecolóxica certificada. Unha aposta segura que axudará á túa saúde e ao planeta cun sabor espectacular.

 

CAYETANA PENA, DIETISTA-NUTRICIONISTA: “A CARNE ECOLÓXICA DISTÍNGUESE POLA SÚA CALIDADE E MELLOR SABOR”

Tamén tivemos o pracer de conversar coa dietista-nutricionista e bióloga sanitaria certificada, Cayetana Pena, que nos fixo a súa achega con respecto a este tema. Especializada en nutrición clínica e con varios másters, posgraos e certificacións internacionais, actualmente traballa no Servizo Galego de Saúde como nutricionista clínica.

“Sendo unha estudante de bioloxía comecei a tomar conciencia da existencia de malas prácticas agrícolas que poñían en perigo o ecosistema e como intentar evitalas. Posteriormente, na práctica clínica observas que esta alimentación achega seguridade, calidade e sabor”, narra esta experta.

“Sendo unha estudante de bioloxía comecei a tomar conciencia da existencia de malas prácticas agrícolas que poñían en perigo o ecosistema e como intentar evitalas”

Pena explica que os alimentos ecolóxicos conservan as súas cualidades nutritivas e teñen mellor calidade, ademais de que contribúen á conservación do medio natural que nos rodea e garanten o respecto e o coidado dos animais.

“A carne ecolóxica distínguese pola súa calidade e mellor sabor debido á alimentación máis variada dos animais, así como ás súas condicións de vida”, expresa Cayetana Pena. Neste senso, relata que no ano 2016 realizouse unha metaanálise onde se comparaba a composición nutricional de produtos cárnicos orgánicos e os convencionais. Atopáronse significativamente máis ácidos graxos omega-3 e total de ácidos graxos poliinsaturados en carnes orgánicas ca en convencionais.

No 2019, as investigadoras concluíron que a opción orgánica “tiña un maior valor nutricional”, con menos colesterol e maiores niveis de antioxidantes que a opción convencional.

Así mesmo, relata que no 2018 a reviste Science publicou un estudo que atribúe ao menos un 25 % das emisións anuais de gases de efecto invernadoiro ao sector da alimentación. Delas, un 58 % corresponde á xeración de produtos de orixe animal, “mais non toda a gandería ten o mesmo impacto medioambiental. Os métodos de produción ecolóxica provocan menos emisión de gases de efecto invernadoiro, incrementan a diversidade, a fertilidade da terra e son a única forma de garantir un medio rural vivo”, conclúe esta experta.

 

LEMBRA BUSCAR O SELO

É importante prestar atención ao etiquetado dos alimentos escollidos para asegurarnos de que realmente son ecolóxicos:

  • O logotipo ecolóxico europeo consiste nunha folla perfilada con estrelas sobre fondo verde; este é sempre obrigatorio acompañado do código de control da nosa comunidade autónoma ES-ECO-022-GA.
  • O selo de garantía Craega é a etiqueta que demostra que o alimento foi producido de maneira respectuosa co medio ambiente sen a intervención de elementos, compoñentes ou procesos químicos. Obtense despois de demostrar de maneira fidedigna que o produto é totalmente ecolóxico, con controis en cada fase da produción, elaboración e comercialización cumprindo coa normativa do Regulamento (UE) 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello.

 

Fontes:

  • Consello de Agricultura e Alimentación Ecolóxica de Euskadi
  • Consello da Produción Agraria Ecolóxica da Rioxa

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.