O libro Ecoralia, a lambona ecolóxica, de Paco Cerdeira (Pakolas) e Laura Romero, presentarase no auditorio Gustavo Freire de Lugo o día 13 de decembro. O libro distribuirase nas bibliotecas de Galicia e o espectáculo difundirase por toda a comunidade autónoma baixo demanda.
Ecoralia, a lambona ecolóxica é un libro destinado a un público de ata 12 anos, unha ferramenta educativa que combina música e lectura para transmitirlles aos máis pequenos a importancia da alimentación e do coidado do medio ambiente. O proxecto busca fomentar valores como a sostibilidade e o consumo responsable dun xeito lúdico, facendo que a aprendizaxe sobre alimentación ecolóxica sexa divertida e inspiradora.
A función consistirá nun espectáculo musical e ilustrado en directo, con sketchs, participativo e roqueiro. Empregarán un soporte de máis de dous metros de altura, a modo de mural, no que Laura irá debuxando a historia a medida que Pakolas a canta.
“Os nenos vano pasar moi ben. Trátase dunha actuación roqueira na que lles damos a coñecer o mundo eco”, expresa Paco. Así mesmo, Laura engade que neste tipo de espectáculo os ollos e os oídos traballan á par, retroalimentándose entre eles: “Sempre é bo apostar por todo o que sexa multidisciplinar, é algo que enriquece moito e que reforza ambas as partes”, conta.
OS INICIOS DO PROXECTO
A idea desta iniciativa xa xurdiu en Biocultura A Coruña, feira na cal o Craega sempre participa e á que Paco Cerdeira asistiu. Todo comezou coa canción Manxar, que Paco rematou a finais de 2023 e que forma parte desta obra. A raíz disto, falouse de crear unha publicación referente aos produtos ecolóxicos e á certificación, que viu a luz a finais do 2024.
“Pareceume unha boa idea levar a cabo este proxecto, para que os máis pequenos saiban que existen os alimentos ecolóxicos e o gran sacrificio que supón aos operadores traballar deste xeito e elaborar produtos certificados. Hai que valoralos, xa que son produtos cunha garantía de calidade e de saúde”, reflexiona Paco sobre a razón pola cal decidiu aceptar a proposta. Laura Romero engade que pensou que sería moi interesante desenvolver esta idea para difundir información dun xeito divertido entre os rapaces e rapazas sobre os alimentos eco.
HISTORIA, CANCIÓNS E UNHA UNIDADE DIDÁCTICA
O nome da protagonista deste libro, Ecoralia, é un xogo de letras. “Estiven pensando en nomes que tivesen as letras “eco”. Había moitísimas opcións, pero a que máis me convenceu foi Ecoralia”, explica Pakolas.
A protagonista desta historia é unha meiga un pouco rebelde, xa que non emprega a maxia para solucionar os problemas, senón que resolve todo coa cabeza. Isto é fundamental para o desenvolvemento do relato.
A través dunha historia entretida e fermosa, con Ecoralia como personaxe principal, transmíteselles aos máis pequenos a importancia de consumir alimentos eco, para coidar tanto da nosa propia saúde coma do medio que nos rodea.
Tamén se prepararon seis pezas musicais que aparecen ao final do libro e que Pakolas canta na función. “A miña favorita, musicalmente, é Baile tiruleco de etiqueta eco, pero a máis divertida é a de Mistín”, confesa Paco. Pola súa parte, a canción favorita de Laura é Don Arsenio: “É o meu personaxe favorito, tanto graficamente coma polo papel que ten na historia, xa que ao principio parece malo, mais despois vese que non é realmente así”.
Ademais do libro e das cancións, editouse unha unidade didáctica coa participación de dous profesores: Álex e Natalia. A función desta é dar a entender que é ecolóxico e que non, que se pode certificar e que non, dun xeito divertido e con xogos. Esta unidade didáctica será interesante para empregar nas aulas, como unha ferramenta útil para os profesores á hora de transmitirlles estes coñecementos aos nenos.
A TRAXECTORIA PROFESIONAL DOS ARTISTAS
Paco Cerdeira, tamén coñecido como Pakolas entre os máis pequenos, comezou a dedicarse profesionalmente á música pensada para os nenos e nenas hai arredor de vinte anos.
Os seus inicios foron con Mamá Cabra, grupo de música didáctica infantil en galego e, posteriormente, no 2014, formou a súa propia banda de música infantil: A Gramola Gominola, que a día de hoxe ten tres discos publicados. No 2017 lanzou o seu primeiro libro-CD en solitario, baixo o nome de Pakolas, momento no que empezou a traballar con Laura Romero.
Pola súa parte, Laura é licenciada en Belas Artes e comezou a dedicarse á ilustración no 2017. Previamente, estivo na banda Zënzar como baixista: “Foi algo que me marcou dalgunha maneira. Moitos dos proxectos nos que participo a día de hoxe teñen que ver coa música”, explica a ilustradora de Ecoralia, a lambona ecolóxica.
Nese mesmo ano, Laura Romero empezou un proxecto propio baixo o nome de Músicas Galegas Ilustradas, onde reivindicaba e visibilizaba o papel das mulleres na música galega. Actualmente, colabora con Paco Cerdeira en numerosos proxectos, o último deles, esta colaboración co Craega.
CONSUMO DE PRODUTOS ECO
Tanto Laura coma Paco consomen produtos ecolóxicos sempre que poden. Paco explica que come moita mazá eco e tamén mel, que lle gusta bastante. Pola súa parte, Laura intenta sempre prestar atención neste sentido e aprender máis sobre a certificación ecolóxica: cando ve o selo á hora de mercar un produto, é algo que valora.