• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Corisca gaña o Premio Ecovino ao Mellor Ecodeseño

Foto: Bodegas Corisca

A cata a cegas dos Premios Ecovino 2021, o maior concurso de viños ecolóxicos de España que celebrou a súa duodécima edición, contou coa participación de 76 adegas de 32 rexións vitícolas que presentaron ao redor de 300 etiquetas de produción ecolóxica. A cata foi na sala de Análise Sensorial do Complexo Científico-Tecnolóxico da Universidade da Rioxa, onde o xurado dedicou dúas xornadas a valorar as calidades e características de viños brancos, rosados, tintos, espumosos, doces, xenerosos, vermús, mostos e tamén vinagres.

As categorías que conformaron o certame son Gran Ecovino de Ouro, Ecovino de Ouro e Ecovino de Prata; EcoMosto de Ouro ou Prata e EcoVinagre de Ouro ou Prata, ademais de premios especiais como os dous galardóns extraordinarios ao Mellor Ecovino Sen Sulfitos Engadidos (Premio Especial Laffort) e ao Mellor EcoDeseño (Premio Especial Rivercap).

Na categoría de Mellor EcoDeseño, a galardoada en Brancos sen madeira foi a nosa operadora en viño ecolóxico Bodegas Corisca (situada entre os municipios pontevedreses de Tui e Salceda de Caselas). Entre os aspectos resaltados para concederlle este premio foron “a súa lixeira gramaxe do vidro, a cortiza natural ou a etiquetaxe en papel reciclado”.

A responsable desta empresa, Natalia Rodríguez, busca conseguir as mellores uvas albariño de certificación ecolóxica, foi pioneira na elaboración de albariño ecolóxico e tamén foi o primeiro viño con certificación ecolóxica do D. O. Rías Baixas.

A entrega de premios deste certame enolóxico celebrarase o vindeiro 6 de maio na Aula Magna do Edificio Quintiliano da Universidade da Rioxa cumprindo con todas as medidas sanitarias e de seguridade para todos os asistentes.

Consulta aquí todos os gañadores 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.