Concha Blanco, de Casa Bértolo, leva toda a súa vida dedicándose á granxa familiar, situada en Friol (Lugo). No ano 2014 comezaron a certificar en ecolóxico, aínda que xa era algo que tiñan en mente tempo atrás. Na conversación que mantivemos con ela falounos sobre a importancia que ten producir en ecolóxico e dos seus plans de futuro, que pasan por permanecer e continuar co seu proxecto.
Cales son as orixes da granxa?
Bértolo era meu bisavó, que foi o que lle deu nome á casa, e agora mesmo estamos no lugar do Castro: isto xa non ten que ver coa familia de Bértolo, senón cos Bértolos e Serranos. Dende sempre houbo vacas na casa. Antes, ao xeito tradicional de traballar non se necesitaba o selo de ecolóxico; agora que está o selo, eu son desas persoas que di que temos que respectalo, porque non podemos reservar unha palabra para non responder ao que se espera do ecolóxico. Entón, xa tiñamos unha granxa tradicional, en base á terra, e seguimos traballando na mesma liña: pasou por miña nai… sempre estivo en mans de moitas mulleres. Fómonos deixando levar por toda a maquinaria dos anos 80, 90… e agora aquí pensamos facer ao mellor un pouco como di o Xosé Luis de Arqueixal: desaprender, facer só a construción mínima para responder ao que realmente queremos ser, que é coidadores da paisaxe, produtores de alimentos, pero sen abandonar o coidado do medio ambiente.
Sempre seguistes un modelo de produción en ecolóxico ou non? Por que apostastes pola produción ecolóxica?
Quixemos entrar en ecolóxico, sempre o teño que recordar, no 2007, pero non había maneira de comercializar o leite daquela, que era a nosa produción maioritaria nese momento. Así que nos vimos obrigados a empezar co da queixería, ata que no 2011 ou 2012, que xa empezabamos co da queixería, veunos unha empresa, Lactalis, que necesitaba leite, entón demos o paso, pero retrasámolo ata ese momento por cuestións de comercialización. No 2012 inscribímonos, certificamos no 2014 e, desde ese momento, non deixamos de facer as prácticas que viñamos facendo, simplemente fomos recuperando, desandando… porque os nosos avós non aplicaban hormonas, abonos de síntese… Entón, se a certificación responde a ese modelo, está ben. Se só corresponde a un cambio de insumos, seguimos con combustibles fósiles e dándolle negocio, e non transformando, porque ben se ve que a transformación é moi laboriosa, pero é a que en realidade nos dá dignidade e dá sentido a este traballo.
Como explicarías ti á sociedade a importancia que ten producir en ecolóxico?
Hai que respirar fondo para responder ao maltrato que se lle está dando ao medio, á paisaxe… A xente pensa que chega con ir ao súper, moitos pensan en encher o bandullo, e despois así acabamos de obesos… Creo que é unha cousa predicar e outra dar exemplo, dar trigo, e… A túa pregunta era que lle digo aos consumidores: que cando compran un produto, non só é para dar un alimento, é como se produce o devandito produto. Se a produción é boa ou é mala. Eu teño que traer plátanos de canarias, é así, pero non ten por que vir leite doutros lugares, nin outros produtos que podemos ter ao pé, e que ademais estes produtos, coma estas vacas, axúdannos a conservar os camiños para ir de finca en finca, para que se manteñan as nosas sombras, os nosos prados… Entón, o consumidor ten que ser responsable, e nós, coa maneira que temos de facer co noso produto transformado, tiramos por aí.
A venda directa que significa? Eu para ter un produto o máis barato e o máis asequible posible para o consumidor, que fago? Pois mira, a distribución, vala axudar a costear ti. Eu vou estar disposta a estar na queixería, pero ti ves polos queixos que precises. Entón, é unha maneira de abaratar o produto. Temos que ser responsables. E se non somos responsables, acabaremos aténdonos ás consecuencias. Crise climática, ou emerxencia… Case era mellor dicir: non o quero ver.
Que significa para ti, como produtora, ter a certificación ecolóxica? Cres que dá confianza aos consumidores?
Debe dala. Cada un de nós, dos que temos o selo, debemos ser responsables, pero coma se tivésemos outro título, coma o carné de conducir… Debemos responder igual, que eu son Concha, e non son Virtudes nin Otilia. Todos debemos ser responsables. Eu non quero ser culpable, quero ser responsable. Como muller, como feminista, como produtora. Debémolo esixir do consumidor pero tamén selo nós, evidentemente. Eu creo nos queda moito camiño por andar, como estaba dicindo eu antes, temos que desaprender moitas prácticas nocivas que se nos foron colando co tema da industrialización do agro, pero creo que xa, chegado este momento, cada vez medra máis o listado dos que nos están dicindo: basta xa con este terrorismo ambiental.
“Estes produtos, coma estas vacas, axúdannos a conservar os camiños para ir de finca en finca, para que se manteñan as nosas sombras, os nosos prados…”
Que consellos lle darías ti a unha muller que está pensando en adentrarse no sector?
Os novos entrantes que se di agora, os neorurais… Eu teño unha vaca que se chama Paciencia. A compañeira que nos acompaña estes días aquí, esta investigadora, está precisamente estudando iso, porque podes vir con moita ilusión, teñen que dar os números, pero chegas aquí e o que máis percibes é o maltrato da Administración. Por exemplo, vedes aquí os mastís, está a presenza do lobo… Como pode ser que as explotacións ecolóxicas –as que dicimos nós granxas, porque son varias–, non optemos ás axudas do lobo? Coherencia. Pedímoslla ao consumidor, ao produtor, e dende logo tamén á Administración, porque é un maltrato. Temos que loitar. As incorporadas van ter que loitar contra moitos malos tratos. Pero é que viñémolo falando xa desde onte á noite na nosa tertulia, temos que loitar porque din que che dan moitas axudas pero logo non é verdade, non te acompañan, non che axudan e non te coidan. Eu sempre estou falando da palabra coidados, porque agora está moito de moda e porque somos máis conscientes quizais de que os necesitan os pequenos, os necesitan os maiores e tamén o medio ambiente. Todo precisa de coidados, non? E creo que a Administración non é consciente e ten unha nula sensibilidade. Hai escasos membros que son conscientes, pero que a maquinaria non se dá movido. Entón, o consello é: paciencia.
Que plans tes ti de cara o futuro a nivel profesional? Manterse, mellorar, cambiar algo…?
Permanecer, que é un verbo que me encanta. Seguir desaprendendo, ofertar este mundo e esta paisaxe para que a xente poida vir a facer cousas, coma vós vir hoxe aquí gravar, outros estudar, calquera cousa, non? Temos dúas fillas que, bueno, a maior parece que quere incorporarse a este proxecto… E hai tantas oportunidades, e tan varias, non só a transformación, senón que temos unha cultura; isto é un museo vivo, é que non nos damos conta que isto é un museo vivo. Non o preparamos coma unha exposición, un desfile, isto é a mínima intervención e para producir alimentos, esta é unha paisaxe que alimenta, e permanecer aquí, ser capaces de aprender, de convivir… Ser capaz de permanecer aquí para dicir: Coidado con isto. Coidado. Que non lle hai que facer nada, non hai que industrializalo. Temos que mantelo, conservalo. Agora hai moita xente que di que non viñemos aquí producir biodiversidade: nós somos biodiversidade. O que queira marcharse para outros planetas, que se vaian. Non hai ningún problema. Pero que nos deixen conservar os que somos de aquí, non? Que non nos expulsen. Porque se nos meten eólicos, se nos meten autovías ou paneis solares, en fin, macrogranxas, están expulsando á xente do territorio, entón, déixate de crear aldeas modelo, axuda ás aldeas reais. Coma os corpos modelo: déixame os corpos normativo. Hai que coidar o que hai, que seguramente somos todos moi manifestamente mellorables, pero coida o que hai, atende ao que hai.