Cinco gandarías ecolóxicas acaban de facerse cun premio polo seu bo facer. Convocados por segunda vez pola Consellería de Medio Rural para recoñecer a excelencia hixiénico-sanitaria das granxas leiteiras, nesta categoría resultaron galardoados Ángel Rivas Lamas (Friol) e Concepción Torres López (Chantada), ouro e prata, respectivamente. Tamén foron distinguidos con diplomas Figueroa S.C. (Arzúa), Manuel Calvelo Capelo (Negreira) e a Cooperativa Burgo de Negral (Friol).
Co máximo recoñecemento de Exceleite en ecolóxico por segundo ano consecutivo, a Ángel Rivas Lamas a vocación vaille no sangue. Os inicios da súa explotación remóntanse a 1921, cando o seu avó se fixo coas terras que viña traballando para a nobreza da zona. “Viuse entre a espada e a parede. Se non mercaba, botábano. Tivo que pedir un préstamo e, con moito esforzo, saiu adiante”, lembra.
O gañador do certame pertence á terceira xeración dunha saga de gandeiros. Colleu as rendas do negocio no 1981 e no 2003 iniciou a conversión ao modelo ecolóxico. “Daquela contabamos cunha marxe neta de 0,18 €/litro. Era viable, pero tiñamos a necesidade de buscar un prezo diferenciado”, argumenta. Certificado polo Craega en 2005, hoxe suma 90 cabezas e unha produción de 360.000 litros anuais, cantidade que desde 2017 se destina integramente a Casa Grande de Xanceda.
Premio Exceleite de Prata 2018 de gandaría ecolóxica, Concepción Torres López é unha recén chegada a este tipo de produción. Estreouse hai só seis meses. “Se mantivera o modelo convencional, xa tería pechado”, advirte. Aínda a pesar de que os custes se encarecen, hai un retorno que, ao seu xuízo, serve para equilibrar a balanza.
Herdanza dos seus pais, Torres colleu as rendas da granxa 35 anos atrás. Pero no 2016, despois das dificultades que viña atravesando o sector lácteo, viuse na obriga de buscar outro camiño e empezar a facer as cousas dun xeito máis respectuoso co medio ambiente. “Véndeno coma se fora un luxo, pero o eco xa se facía hai cen anos. Non imos cara algo novo”, conclúe.