• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Celebrando a apicultura ecolóxica na primavera, a estación das abellas

Nesta época do ano, onde os días xa son máis longos, soben as temperaturas, o sol quenta e comezamos a ver as primeiras flores, sempre observamos como as abellas gañan protagonismo e desempeñan un papel fundamental: a polinización e a preservación da biodiversidade. Así pois, cando se fala do valor que ten a produción ecolóxica, é necesario lembrar tamén a importancia da apicultura eco.

 

O labor das abellas e a apicultura

As abellas son os principais axentes polinizadores en moitos ecosistemas. O seu voo de flor en flor non só garante a produción de alimentos para os seres humanos e outros animais, senón que tamén contribúe á reprodución de moitas especies vexetais, dende cultivos agrícolas ata plantas silvestres. Sen estes insectos, o equilibrio da natureza estaría en perigo, con graves consecuencias tanto para a biodiversidade como para a seguridade alimentaria.

Pola súa parte, a apicultura trátase dunha práctica milenaria de criar abellas para a produción do mel e doutros produtos apícolas. Require coidado, paciencia e un profundo entendemento do comportamento das abellas e o seu entorno. Deste xeito, na primavera as colmeas cobran vida cunha actividade frenética mentres que as abellas recolleitan néctar e pole para alimentar a colonia e producir mel.

 

Produción ecolóxica: coidando das abellas e do planeta

No contexto de crise ambiental que enfrontamos, a produción eco emerxe como unha alternativa necesaria para mitigar o impacto negativo da actividade humana no medio ambiente. O papel do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) neste senso é fundamental: asegura que os alimentos que contan coa súa certificación foron totalmente producidos de xeito ecolóxico, sen utilizar ningún tipo de pesticida e cumprindo coa normativa existente.

Así pois, a apicultura ecolóxica baséase en prácticas sustentables que respectan a saúde das abellas, promoven a diversidade biolóxica e minimizan o uso de produtos químicos nocivos. Ao optar por produtos apícolas eco, os consumidores non só apoian a saúde das abellas e a biodiversidade, senón que tamén contribúen á protección dos ecosistemas e á agricultura sustentable.

Hai que lembrar que as abellas atópanse actualmente en perigo de extinción e que moitas das súas especies están en grave declive. Por iso é importante coidar destes insectos na medida do posible e, para iso, o papel da apicultura ecolóxica é clave.

O mel ecolóxico certificado

A apicultura ecolóxica en Galicia vese reflectida no mel que conta coa certificación do Craega, xa que garante que o proceso de produción do alimento é totalmente sustentable, protexe o medio ambiente e promove o benestar das abellas; se a maiores tamén presenta a etiqueta da IXP Mel de Galicia, asegurámonos de que é un produto de moitísima calidade. Así pois, aconséllase ao consumidor optar por mel que teña os dous selos: Craega e Mel de Galicia.

Consume mel eco!

Nesta estación, lembramos o papel vital que desempeñan as abellas na preservación da biodiversidade e a seguridade alimentaria. Ao elixir produtos apícolas ecolóxicos, podemos apoiar entre todos ás abellas e ao planeta, contribuíndo así a un futuro mellor, máis saudable e sustentable.

Fontes:

https://blog.3bee.com/es/primavera-la-estacion-de-las-abejas/ 

https://www.sjpl.org/es/blogs/post/springtime-a-time-for-bees/ 

https://www.nationalgeographic.es/animales/abeja

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.