Carmela Valiño é socia da cooperativa Milhulloa xunto con Chusa Expósito. Dedícanse á recuperación de plantas medicinais mediante o cultivo en ecolóxico na comarca da Ulloa; así pois, cultivan especies autóctonas para a súa conservación e para empregalas en infusións, especias e extractos para a cosmética de Muullhoa, outro proxecto que teñen en conxunto con Granxa Maruxa.
Como foron os inicios da cooperativa? Como xurdiu a iniciativa?
Este proxecto naceu no ano 2001. Chusa máis eu estabamos nun momento da nosa vida no que xa remataramos de estudar, xurdiunos un curso de creación de empresa e aí espertou a nosa alma empresarial.
Dispoñiamos desta finca onde estamos, de 10 hectáreas, que é da familia de Chusa e que estaba xa moi ben conservada. Non se empregara ningún tipo de fertilizantes de síntese, nin de herbicidas, nin de insecticidas, así que estaba ideal para o cultivo; de feito, había moita flora.
As dúas tiñamos paixón polo tema das plantas medicinais e empezamos aí o noso proxecto, que pouco a pouco foi medrando, fómolo creando conforme foi pasando o tempo e segundo as ideas que xurdiron, ata o día de hoxe.
Como é o voso traballo diario aquí?
Abarcamos moitas tarefas e traballos, de feito, facemos o ciclo completo: o cultivo, a colleita… e despois pasamos ao núcleo importante desta industria, que é a cámara de secado: todo pasa por aí para conservalo. Tamén dispoñemos dun pequeno laboratorio, unha zona máis limpa onde facemos os envasados das especias, infusións e do grelo deshidratado, que é outro dos produtos que sacamos nós no 2005 ao mercado, para optimizar o secadeiro e para seguir na liña de produto e autóctono.
Por outra banda, levamos a cabo moitos obradoiros co tema de aproveitamento de plantas medicinais, temos un pequeno punto de venda aí tamén para o Camiño de Santiago, que iso máis ben o atende María, a nosa socia de Muullhoa e, finalmente, tamén organizamos visitas guiadas.
Outra iniciativa empresarial da que formades parte é Muullhoa, en intercooperación con Granxa Maruxa. Que nos podedes contar disto?
Muullhoa é a unión de Granxa Maruxa, que é outra das granxas pertencentes tamén ao Craega, con Milhulloa. Leva un ano máis ca nós e sentiamos unha grande admiración mutua.
Un dos nosos soños inicialmente en Milhulloa era dedicarnos á cosmética, entón, apareceunos a socia perfecta co seu leite de Granxa Maruxa, e aí foi como xurdiu Muullhoa.
A nosa idea sempre é ser colaborativas, dende o inicio, e esta foi unha colaboración máis que creamos. Muullhoa é unha parte moi creativa, porque podemos aproveitar tanto o feito de darlle valor ao leite na cosmética como a diversidade de plantas que cultivamos aquí, que imos introducindo algunha nova pouco a pouco, e tamén algún colaborador novo.
Nunca pensaches en cambiar de traxectoria a nivel profesional?
Non. A verdade é que me enganchou bastante este proxecto. Agora mesmo xa non cambiaría; despois de 22 anos, foi moi positivo en moitos aspectos, ou sexa que non hai marcha atrás.
Cal é a túa filosofía e o teu pensamento con respecto á produción en ecolóxico?
Nós xa iniciamos en ecolóxico porque xa atopamos unha finca onde non había ningún tipo de contaminación de químicos de sínteses, iso por unha banda, pero pola outra, tamén iamos dedicarnos ao cultivo de plantas medicinais, de forma natural, polo tanto, non tiña sentido engadirlle química de síntese.
Despois, eu aprecio a biodiversidade como se conserva. O feito de non empregar ningún tipo de insecticidas nin de herbicidas fai que teñamos aquí a riqueza que hai de fauna, que doutro xeito non habería. De feito, non temos problemas de pragas, e penso que iso tamén se debe a que non interrompemos a cadea.
Logo no tema da saúde, aínda que non se quere destacar moito, si que sabemos que hai produtos de síntese que son daniños.
Finalmente, todos sabemos que agora mesmo, cando vemos Craega Galicia, temos unha garantía de que o produto que leva ese selo é algo rico e que nos vai a saber ben.
“O feito de non empregar ningún tipo de insecticidas nin de herbicidas fai que teñamos aquí a riqueza que hai de fauna”
Que significa para vós ter a certificación ecolóxica? Dá confianza aos consumidores?
Si, eu penso que si, que dá moita confianza. De feito, inicialmente tiñamos que explicar que significaba o selo, mais hoxe en día a xente xa o identifica coma un produto de calidade, sen ningún tipo de químicos tóxicos. Tamén, o feito de ser galego, como somos referentes no tema da boa alimentación, é unha garantía; por iso me parece moi importante que apareza o Craega como consello regulador e que o produto de onde sae é de Galicia.
Consideras que podedes ser un exemplo a seguir para alguén que queira comezar a producir en ecolóxico? Que consello lle darías?
Eu estou moi contenta coa traxectoria da cooperativa, coa vida que levamos e coa forma de traballar que temos. Entón, se tes un proxecto que te ilusione moito e que sexa un soño, pois a levalo a cabo ata o final. Para min é importante sempre axudarse de boas colaboracións; de feito, nós estamos abertas sempre a colaborar con quen emprende e con quen está xa no camiño. Estamos aquí para axudarnos unhas ás outras e uns aos outros.
Que plans tedes de cara ao futuro a nivel profesional: manterse, mellorar ou dar algún cambio?
A folla de ruta xa a temos feita no tema das plantas medicinais: abarcamos aínda un campo moi pequeniño, pero penso que aí hai para moito. Na alimentación e na cosmética xa temos dous proxectos. Muullhoa naceu no 2016 e aínda temos moitas cousas para facer e fórmulas novas que queremos sacar.
Agora mesmo estamos tamén en proxectos relacionados coa biodiversidade, coa recuperación doutros cereais da zona para integrar na nosa cosmética, e con isto tamén temos para uns aniños aínda.