A xefa da Unidade Operativa de Cultivos Acuículas no Irta, Alicia Estévez, foi unha das relatoras do I Congreso de Acuicultura Ecolóxica, celebrado a finais de novembro en Santiago de Compostela. Nesta entrevista que lle fixemos, fálanos da evolución das melloras alcanzadas dentro da acuicultura ecolóxica e dos problemas aos que aínda se enfrontan.
Cales son os avances que poderías destacar en investigación e desenvolvemento desde que comezaches a túa carreira ata hoxe?
Eu cando comecei a traballar en acuicultura foi no ano 1985, que empezabamos co cultivo larvario do rodaballo. Estiven a colaborar no Instituto Español de Oceanografía, con Pepe Iglesias, en todo o que foi a obtención de postas e cultivo larvario do rodaballo, que entón estaba na súa fase inicial.
Despois traballei tamén como directora dunha granxa de engorde de rodaballos, e os problemas que viamos eran sobre todo o abastecemento de xuvenís e que aparecían moitos individuos albinos; entón, a miña tese baseouse precisamente niso, en investigar como evitar o albinismo en peixes planos, e foi polo que me fun a Xapón e fixen a tese alí co doutor Kanazawa. Polo momento, xa se conseguiu pechar o ciclo, tanto do rodaballo como do linguado, así como da dourada, robaliza, corvina e novas especies que se estiveron traballando. Agora nós, por exemplo, estamos a traballar tamén co mugil cephalus, que é unha especie na que son omnívoros, e que os xuvenís que se obtiñan para produción, para facer engorde, obtíñanse de medio natural, non se estaba facendo produción larvaria. Estamos niso, facendo investigación agora.
Entón, o avance que houbo na acuicultura desde que eu empecei ata agora é enorme, porque xa temos unha produción de peixes de acuicultura establecida e comercialmente cuns niveis de produción moi altos. Galicia é agora a primeira produtora mundial de rodaballo, que iso no ano 1985 ninguén o podía imaxinar.
Conséguese a mesma calidade que nos animais salvaxes? A nivel de textura, sabor?
Si, é máis, eu diría que mesmo o peixe de acuicultura é de mellor calidade pola estrutura muscular, a composición… Nós alimentámolos de maneira que poidan ter a maior cantidade de omega-3 posible, tanto no músculo como no fígado. Entón, o produto que se está levando ao mercado ten unha calidade nutricional moi boa, búscase que teña unha calidade, e o seu estado sanitario e de benestar é moito mellor que o que o que se obtén en pesqueiras. O sacrificio nas piscifactorías faise seguindo unhas regras moi estritas de evitar o sufrimento dos animais. Están a desenvolverse novas formas de sacrificio. Antes sacrificábanse con xeo, pero agora ou se lles adormenta con gases, ou llos sacrifica cun golpe na cabeza… E sobre todo no rodaballo está probado, porque é moitísimo máis rápido e menos malo para os animais que estar a se morrer no xeo. Entón, as normas que se seguen en acuicultura son moito mellores, tanto para o consumidor como para o animal en si que se está cultivando. Non hai cor.
Cales son os principais impedimentos que vos podedes atopar?
Son sobre todo o abastecemento de xuvenís, porque a regulamentación non estaba do todo clara. Agora fixeron unha excepción e permítese o uso de xuvenís procedentes a acuicultura convencional. Entón, un dos problemas é o abastecemento de xuvenís e o outro máis grave, os pensos. Os que se fan para produción orgánica teñen están moi regulados. Por tanto, só se poden utilizar residuos de pesqueiras ou de pesqueiras de peixe procesado, é dicir, cabezas, esqueletos e vísceras, peixe procedente de pesqueira sustentable, que se introduciu despois, cando lles dixemos os problemas que supuña o utilizar soamente os residuos con pouca cantidade de proteína, demasiado fósforo, permitiron o uso destes peixes procedentes de pesqueiras sustentables e vexetais procedentes de acuicultura, de agricultura orgánica. Entón, as fontes que se obteñen son poucas e caras, ou sexa, unha fariña dunha planta certificada como orgánica é máis cara que unha fariña dunha planta producida de forma convencional. Os ingredientes son máis difíciles de conseguir e en menos cantidade e son máis caros. Entón o penso que se produce para produción ecolóxica é moito máis caro que o penso dunha acuicultura convencional.
Os dous grandes principais inconvenientes son o abastecemento de xuvenís e os pensos, o custo dos pensos, que fai que o produto final sexa máis caro. E logo, tamén, a procura dun mercado máis coñecedor do que é un produto ecolóxico. O consumidor non está suficientemente informado de como se fai este produto. Hai que informarlle mellor de cales son as regras de produción, de que é o que facemos e como o tratamos, ou sexa, o que facemos é un produto que non intervén co medio ambiente, que se lle trata dunha maneira o máis natural posible, tanto en benestar como en saúde, e téntaselle alimentar cos mellores produtos. Co cal, ao mellorar o seu benestar nas condicións de cultivo, prodúcese menos cantidade, porque se utilizan menos densidades de peixes por tanque e por gaiola. Co cal, é un produto que desgraciadamente é máis caro, pero ten unha chea de mellores tratos para o animal, que iso repercute na calidade do produto final.
Que che parece que se organicen eventos como este, o I Congreso de Acuicultura Ecolóxica de Galicia?
Paréceme moi ben, e sobre todo porque a acuicultura ecolóxica aínda non está demasiado divulgada. Este tipo de eventos veñen moi ben para que a xente teña unha visión máis xeral do estrita que é a regulamentación e das diferenzas que hai entre o que é un produto ecolóxico, un produto sustentable ou un produto convencional. Entón, vai moi ben para divulgar o que é e o que estamos a facer.