• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Alfonso Fernández, de Lacto Baltar: “Sería ideal poder producir todo o leite en ecolóxico, porque é moito máis económico, mellor para o planeta e para a sociedade”

O gandeiro Alfonso Fernández, de Chantada (Lugo), comezou no 2017 cos primeiros pasos do proxecto de Lacto Baltar, a través do cal elaboran un doce de leite de gran calidade. Máis tarde, ao redor do ano 2020, logo de pensar en como mellorar e avanzar, apostou tamén por introducir no negocio dúas variedades de doce de leite ecolóxicos: un en formato clásico e outro pensado para a elaboración de xeados.

 

Cando e como foron os inicios de Lacto Baltar?

Os inicios deste pequeno proxecto xurdiron despois de pensar en darlle valor engadido ao noso leite, que é unha materia prima de calidade. Pensamos en facer iogur, queixo ou outro tipo de produto para podelo poñer directamente á venda. Porén, neste caso, como en Galicia temos infinidade de queixos, apareceu esta idea grazas a Álvaro, un amigo meu que actualmente vive en Lalín e que foi socio aquí comigo na fábrica.

El estivo moito tempo en Uruguai e dicía que aquí non comera un doce de leite tan bo coma o de alí ou o de Arxentina, entón, o proxecto naceu un pouco diso e tamén da miña inquietude de darlle ese valor engadido ao meu produto. Ese foi o emprendemento.

Isto xurdiu no 2017, e no 2018 comezamos coas primeiras indagacións. A principios do 2019 démoslle forma e empezamos a traballar nunha palleira que tiña eu ao lado da granxa, restaurámola e, con moito traballo e esforzo, démoslle para adiante.

En que momento decidistes apostar por elaborar un produto ecolóxico e por que xurdiu esta iniciativa?

Pouco a pouco fómonos introducindo no tema e vas vendo que hai diferentes tipos de mercados, un de produtos de calidade, outros dietéticos tamén e, por suposto, o produto ecolóxico, que cada vez ten máis peso no mercado, e intentamos apostar por ter unha variedade de doce de leite nesta versión. A verdade é que eu non coñezo ningunha empresa máis en Europa que o fabrique deste xeito.

Entón, o que facemos son dous tipos de elaboración: un clásico, que se pode empregar, por exemplo, para untar nunha tostada, e o dedicado aos xeados, que é un negocio no que temos bastante saída.

Como explicarías a relevancia que ten este tipo de produción?

É moi importante producir de xeito ecolóxico. Para min sería ideal poder producir todo o leite que eu teño na explotación deste xeito, porque é moito máis económico, mellor para o planeta e tamén para a sociedade. Non ten nada que ver un leite pastado polas vacas, aínda que se complemente con comida en presebe, porque é totalmente diferente.

O problema que temos aquí para chegar a iso é o minifundismo. Habería que facer unha reorganización  do territorio, de xeito que todas as granxas puidesen ter os terreos preto para fomentar este tipo de produción.

Que significa para ti contar coa certificación ecolóxica?

Todos os certificados están feitos por algo e necesitan un seguimento. É importante ter unha certificación e un seguimento por parte dunha entidade externa que leve un control, neste caso sería o Craega. Tamén son cruciais outras, como de calidade, de hixiene etc.

O consumo de alimentos eco está a medrar nos últimos anos. En todo caso, por que debemos consumilos?

Debemos consumir produtos en ecolóxico simplemente pola nosa saúde e tamén pola mellora do medio ambiente. Por esas dúas razóns xa teriamos que optar por alimentos en ecolóxico, e cada vez máis.

Que consello lle darías a alguén que está pensando en adentrarse neste sector producindo en ecolóxico, ou que xa está nel en convencional e quere dar paso ao ecolóxico?

Estes produtos son cada vez máis demandados, polo que van ter menos alteracións nos prezos e posiblemente vaian a ser máis pagados. Eu animaría a calquera a dar o paso pensando no futuro. Ao mellor tes que estar un tempo producindo tamén en convencional, pero o importante é comezar.

Se aumenta a demanda, máis xente haberá que traballe así, polo que ao comezar antes pódense ter máis beneficios que traballando co mesmo tipo de elaboración en convencional.

“Debemos consumir produtos en ecolóxico, simplemente pola nosa saúde e tamén pola mellora do medio ambiente”

Que plans tes de cara ao futuro a nivel profesional?

A idea é facer cada vez máis produtos en ecolóxico, incluso desenvolver outro tipo de doce facendo un obradoiro aquí ao lado. O noso inicio xa foi hai un par de anos, pero este mercado está a crecer cada vez máis, xa que os consumidores demandan estes produtos.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.