• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Agricultura ecolóxica, un método eficaz para o aforro hídrico nos cultivos

Atopámonos nun momento no que o cambio climático está a afectar ao planeta de xeito considerable. Os patróns meteorolóxicos cada día son máis inestables, afectando así á calidade de vida dos seres humanos. A auga é, en concreto, un dos recursos máis afectados por esta nova situación mundial.

 

A seca comeza a ser unha das maiores preocupacións a nivel mundial, xa que sen auga, non pode existir unha produción de alimentos para abastecer á poboación. Podemos velo cos prezos do aceite, que aumentan considerablemente cada pouco tempo por falta de choivas que reguen as oliveiras.

A agricultura ecolóxica é unha das alternativas ao cultivo tradicional e un xeito de coidar os recursos hídricos, porque lles permite aos terreos captar e depurar a auga de xeito natural.

 

AGRICULTURA ECOLÓXICA COMO ALTERNATIVA SOSTIBLE

A labranza convencional non ten en conta a importancia dos solos sans, polo que na actualidade a meirande parte deles están prexudicados a nivel de fertilidade e capacidade para almacenar auga. Moitas veces, o substrato só é visto coma unha simple plataforma sobre o que as plantas se alimentan, pero a realidade é que lles proporciona nutrientes moi relevantes de xeito natural.

Ademais, a agricultura convencional non só explota de forma abusiva os recursos hídricos, senón que satura a terra de fertilizantes (coma o nitróxeno e o fósforo), praguicidas e pesticidas que se filtran ao subsolo.

A produción ecolóxica reduce as necesidades de auga dos cultivos, diminúe os perigos de contaminación e mellora a calidade nutritiva dos mesmos. É un método de labranza que pretende recuperar a cultura e o saber vinculado aos alimentos, e que ao mesmo tempo conserva recursos que son escasos.

 

COMO AXUDA A AGRICULTURA ECOLÓXICA AO MEDIO AMBIENTE?

Os terreos máis adecuados para facerlle fronte a patróns matereolóxicos extremos son os chamados “solos de esponxa”, que teñen moitas cavidade e partículas irregulares e que, polo tanto, permiten que a auga drene de xeito correcto.

Un xeito de producir ecolóxico ten en conta a cantidade de auga que se precisa para abastecer os solos cultivados e ademais, os agricultores non empregan pesticidas sintéticos ou fertilizantes artificiais, senón que se apoian en métodos naturais coma o manto, o compost, a rotación de cultivos e o cultivo mixto. Deste xeito, conseguen filtrar e depurar a auga dun xeito natural, sen prexudicar os lugares de produción.

Ademais, isto favorece a calidade dos alimentos, xa que se recupera o seu sabor e promóvese un tipo de consumo moi relacionado con gozar e saborear os produtos que se recollen dun xeito máis natural e tradicional.

 

OS BENEFICIOS DA AGRICULTURA ECOLÓXICA PARA O PLANETA

A agricultura ecolóxica ten unha serie de características vantaxosas que non só axudan aos produtores a obter rendementos de maior calidade, senón que tamén benefician a saúde dos terreos.

Hai que recordar que nos últimos anos o fenómeno da desertificación é cada vez máis frecuente e non só se dá en zonas que tendían a ter unhas características áridas, senón que se desenvolve en sitios nos que non era habitual. En España temos o exemplo da Reserva Biolóxica de Doñana, na que xa desapareceron todas as lagoas do Parque Nacional.

Un xeito de producir sostible mellora a fertilidade dos solos —grazas aos procesos de fertilización natural que xa se mencionaron—; prevén a erosión, grazas a que aumenta a calidade do substrato; xera unha mellor infiltración e retención da auga, e reduce a cantidade empregada, xa que se require menos.

Todas estas razóns convértena nunha alternativa sostible e adecuada para aquelas zonas que sofren problemas de escaseza de auga e tamén para aquelas que queren empregar un método de cultivo que implique unha prevención da degradación do terreo.

 

AUMENTO DO CONSUMO DE PRODUTOS 

Cada vez son máis as persoas que optan polo consumo de produtos ecolóxicos, o que beneficia de forma substancial o aforro de auga e a calidade dos solos.

Segundo Ecovalia, o seu consumo a nivel mundial ascendía a 134.760.000 euros no ano 2022, e o mercado deste tipo de produtos aumentou un 7,2% con respecto ao anterior. Isto significa que cada vez son máis os consumidores que optan por este tipo de produtos.

España sitúase dentro do top 10 dos países con maior cota de mercado ecolóxico e alcanzou os 3.000 millóns de euros no ano 2023; isto tradúcese en que os españois gastan de media ao ano en produtos ecolóxicos 64 euros; as comunidades que máis destacan son Illas Baleares, con 114 € de media; Galicia, con 86 €, e o País Vasco, con 85 €.

Ademais, a superficie ecolóxica de España no 2022 era de 2,68 millóns de hectáreas, tendo crecido nos últimos 10 anos un 61 %. Todos estes datos demostran que cada vez hai un maior interese en cambiar o modo de cultivo cara unha forma máis sostible e comprometida co medio ambiente.

 

FONTES:

https://www.jicaradrinks.com/jicara-lifestyle/agricultura-sostenible-agua

https://www.bioecoactual.com/2023/07/04/como-la-agricultura-ecologica-protege-nuestros-recursos-hidricos-natural

https://www.aragonhoy.es/presidencia-y-relaciones-institucionales/agricultura-ecologica-favorece-reduccion-agua-53760

https://www.informacion.es/medio-ambiente/2023/10/28/agricultura-ecologica-resiste-mejor-sequia-87749996.html

https://www.innaturale.com/es-es/como-combatir-la-desertificacion-con-metodos-organicos

https://www.ecovalia.org/informe-anual/

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.