Neste 2024 os Reis Magos veñen cun agasallo moi especial: o libro dos Bolechas sobre alimentos ecolóxicos, co que os pequenos lectores (e non tan pequenos) aprenderán como unha alimentación ecolóxica beneficia tanto ao noso corpo como ao planeta. A súa lectura é unha experiencia divertida, educativa e unha invitación a descubrir o valor de vivir en harmonía coa natureza. Accede a este contido directamente dende aquí.
Os máis pequenos da casa gozarán da maxia destas datas!
Así pois, os Reis Magos deixan un agasallo que esperta a curiosidade e a conciencia ambiental dos máis cativos e cativas. A medida que os nenos e nenas exploran as ilustracións, descubrirán os secretos detrás de cada alimento ecolóxico, aprenderán como viven os animais das ganderías ecolóxicas, que é a acuicultura ecolóxica e, finalmente, entenderán o papel do Consello e o significado do seu selo. Ao final do libro hai, a maiores, varias receitas ecolóxicas para facer na casa e un par de xogos.
Os Reis Magos, cheos de ilusión e de alegría, decidiron entregar outros dous obsequios a maiores! Dende o menú, no apartado de promoción/educación infantil, hai dispoñibles dous xogos moi entretidos, cos que podes pasar un bo rato e seguir aprendendo dun xeito ameno: o ecoxogo do Craega e o xogo da acuicultura ecolóxica.
Xa tedes plan para esta fin de semana? Un bo rato de literatura co libro dos Bolechas e un par de xogos para pasalo ben coa familia e cos amigos. Agardamos que sexa bo proveito!