• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Aforo completo nas xornadas de Intereco e do Craega sobre o greenwashing

O hotel monumento San Francisco, situado en Santiago de Compostela, acolleu o mércores día 10 as xornadas organizadas por Intereco en colaboración co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) sobre greenwashing. O evento, que foi na sala auditorio Carlos V, contou con grande afluencia de asistentes.

 

Ás 9:00 horas tivo lugar a recepción dos asistentes e, ás 9:20 horas, o acto de inauguración, da man do presidente de Intereco, Iker Iglesias; do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) da Xunta de Galicia, José Luis Cabarcos, e do presidente do Craega, Francisco López.

Posteriormente levouse a cabo o primeiro dos relatorios do día, a cargo de Aurora Abad, secretary general de OPTA Europe. A súa exposición foi sobre as novas regras europeas para protexer os consumidores de alegacións medioambientais enganosas (greenwashing).

A continuación, chegou a quenda da responsable de proxectos internacionais e incidencia en SEAE, Aina Calafat. “O greenwashing na alimentación e nas políticas agrarias, impactos sobre o sector ecolóxico” foi o título da súa conferencia.

Logo dunha pausa para o café, retomáronse as xornadas con María Agrelo, de Eco-huella, que afondou sobre a comunicación clara e o consumo consciente con respecto ao greenwashing no día a día, amosando diversos exemplos aos asistentes.

Tras unha quenda de preguntas, o encontro chegou á súa fin coa clausura, onde novamente interviñeron o presidente de Intereco, Iker Iglesias; o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) da Xunta de Galicia, José Luis Cabarcos, e o presidente do Craega, Francisco López.

Iglesias felicitou a todos os implicados na organización do evento, ao igual que o presidente do Craega, Francisco López. Cabarcos, pola súa parte, indicou que o cambio de paradigma que estamos a vivir é real e que, polo tanto, é o momento de expoñer o máximo posible os operadores e os produtos eco.

 

CONVERSACIÓNS COS PRESENTES

Durante a celebración do encontro tivemos a oportunidade de charlar con Iker Iglesias, con Francisco López e coas tres relatoras.

Iglesias destacou que hai que defender a produción ecolóxica e estar alerta fronte a terminoloxía que se emprega no greenwashing, a cal é fraudulenta e confunde ao consumidor. Deste xeito, é necesario simplificar a mensaxe para que a sociedade poida comprender que alimentos son eco e cales non sen xerar confesión. “Agradecer ao Craega o esforzo de acoller as xornadas de Intereco, ás institucións galegas que estiveron presentes e animar a todos os consumidores galegos a que consuman produtos ecolóxicos”, engadiu.

Francisco López, pola súa parte, tamén tivo unhas palabras de agradecemento para a asociación de Intereco por escoller este ano Galicia para facer esta xuntanza. “O que queira consumir un produto ecolóxico ten que fixarse no selo de certificación, que acredita que o alimento se produciu conforme a un regulamento europeo de agricultura ecolóxica. Todos os semellantes non proceden da agricultura eco”, sinalou Francisco con respecto á temática da xornada.

Aurora Abad explicou que existen unha serie de normas e de regulamentos que se crearon para axudar ao consumidor a facer un consumo consciente e responsable, ademais de que, a nivel europeo, estase a discutir sobre como axudar a combater o greenwashing.

A segunda das relatoras, Aina Calafat, expresou que desde o sector ecolóxico e desde a sociedade podemos intervir esixindo que se cumpra coa normativa e podemos defender aos que realmente o están facendo ben: ese sector eco que se esforza por cumprir co regulamento e que desenvolve mercados locais para que poidamos vivir en comunidades sustentables e saudables.

Finalmente, María Agrelo, explicou que o labor de comunicación e de divulgación é moi importante para que o cidadán teña un modo de vida o máis sustentable posible e que, ao entrar nun supermercado, saiba cales son os produtos máis acordes cos seus valores e estilo de vida.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.