A Xunta de Galicia, en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e co Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), lanza o Programa de Aceleración para a Internacionalización de pemes galegas ‘Galicia Avanza’.
Trátase dun proxecto especializado na comercialización internacional da innovación, que persegue que solucións diferentes con selo de Galicia alcancen a presenza e o fortalecemento no mercado exterior no menor tempo posible.
Poderán ser beneficiarias ata 30 pemes da comunidade, que sexan innovadoras, con base tecnolóxica, e pertencentes a calquera sector, sempre que conten cun produto ou servizo innovador e con potencial de desenvolvemento a nivel internacional.
A metodoloxía dividirase en dous bloques, por un lado contarán con dous meses de diagnóstico e deseño de itinerarios, e polo outro implementarán os coñecementos a través de servizos profesionais, con mentorización e formación transversal e capacitación.
As solicitudes poden presentarse ata o 3 de maio, cubrindo o formulario de inscrición.