O Presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), Francisco López Valladares, valora positivamente o compromiso acadado pola Xunta de Galicia, que vén de comprometer unha dotación de 9 millóns de euros anuais para o fomento da agricultura ecolóxica, ata un total de 45 millóns de euros para o período da Política Agrícola Común (PAC), anos 2023 ao 2027.
Na reunión mantida no día de onte coas organizacións profesionais agrarias Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego, Asociación Agraria de Galicia (Asaga), Federación Rural Galega (Fruga) e o Craega, estando representado este último polo seu Presidente e Director Técnico, o Conselleiro de Medio Rural, José González, deu conta da dotación de fondos para o fomento da agricultura ecolóxica, cun importe total de 45 millóns para o quinquenio 2023-2027.
Desde o Craega entendemos que con este compromiso é recoñecido pola Administración o labor dos produtores ecolóxicos, e fomentará a inscrición de novos operadores.