A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia anunciou esta mañá que a solicitude única da PAC do vindeiro ano incluirá unha nova convocatoria da liña de axudas a produtores ecolóxicos para apoiar a incorporación de agricultores e gandeiros neste ámbito. Os interesados deberán inscribirse no Craega antes do 31 de decembro de 2024 e cumprir os requisitos que se establecen para estar incluídos neste réxime de produción. Ver nova no portal da Consellería.
A conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez, acompañada polos directores xerais de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, visitou esta mañá unha explotación gandeira de vacún de leite en ecolóxico situada en Monfero (A Coruña). O presidente do Craega, Francisco López Valladares, tamén estivo presente.
Durante o encontro, Gómez anunciou unha nova liña de axudas para apoiar a incorporación de gandeiros e agricultores en ecolóxico. Con esta iniciativa, a Consellería do Medio Rural quere afondar no seu compromiso coa produción ecolóxica e tenderlle a man a aqueles produtores que non puideron acollerse a estas achegas na anterior convocatoria, co fin de que non teñan que esperar cinco anos á apertura doutra nova.
Neste acto, a conselleira puxo en valor o modelo produtivo en ecolóxico “pola súa contribución á sustentabilidade ambiental, económica e social do noso agro”. Neste contexto reiterou, ademais, a aposta da Xunta pola agricultura e a gandería ecolóxicas. Valladares, pola súa parte, afirmou que esta iniciativa resultará moi beneficiosa para que o futuro do sector ecolóxico en Galicia continúe a medrar.
As axudas teñen un carácter quinquenal e xa foran convocadas na campaña de 2023, polo que ata transcorridos os cinco anos do período de programación do Plan Estratéxico da PAC, as persoas que quixeran acollerse a esta axuda non o poderían facer ata o 2028.
A conselleira sinalou que deste xeito se segue a reforzar o sector agrogandeiro galego e contribuíndo tamén a cumprir os obxectivos establecidos no Pacto Verde Europeo e na PAC, en cumprimento da axenda 2030, cunha aposta decidida pola sustentabilidade ambiental para chegar ao 25 % de terra en cultivo ecolóxico nos vindeiros anos.
Cómo inscribirse no Craega
Para poder acceder a esta nova liña de axudas será necesario inscribirse no Consello antes do 31/12/2024 cubrindo esta solicitude de certificación.
A maiores, haberá que cubrir tamén o anexo de produción animal ou o de vexetal, segundo o caso concreto, que compartimos a continuación: