fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

A transición agroecolóxica en España xeraría máis de 400.000 postos de traballo no sector

A asociación ecoloxista Amigos de la Tierra analizou a evolución do emprego na agricultura e gandería. Neste artigo, amosamos como se preocupan pola perda de pequenas explotacións familiares e como cren que coa transición agroecolóxica as persoas ocupadas no sector alcanzarían a cifra de 1.200.000. Deste xeito, expoñen conclusións moi interesantes que nos convidan a reflexionar como sociedade.

 

A ONG Amigos de la Tierra recolle no informe El impacto en el empleo de la transición agroecológica en España, un traballo a modo de continuación de La urgencia de una transición agroecológica en España, a necesidade desta transformación no agro e na gandería no contexto actual de crise ambiental.

Nesta análise centran os seus esforzos en estudar o impacto positivo que esta mudanza tería no emprego do sector en territorio español. Afirman que na actualidade están ocupadas na agricultura e gandería ao redor de 800.000 persoas; de darse a transición cifran os postos de traballo en máis de 1.200.000. Apuntan que serían uns números similares á situación de España antes da entrada na Unión Europea, en 1986.

 

AS VANTAXES DO CAMBIO A UN MODELO TOTALMENTE ECOLÓXICO NO SECTOR

Neste estudo Marta G. Rivera, Graeme Dean, Helios Escalante, Juan Infante e Eduardo Aguilera definen o escenario da transición ecolóxica como a situación que implica cambios nas prácticas de manexo agrario e na dieta da poboación. É o único que conduce a un modelo agroalimentario desexable: menos emisións, menos consumo de auga, menos contaminación e menos importacións de pensos e carne.

Salientan que este paso dun estado a outro permitiría ter unha menor cabana gandeira, pero aínda así xerar máis de 150.000 novos empregos. Tamén suporía máis man de obra ao incrementarse o número de cabezas de pequenos ruminantes. Comentan que tería que reducirse a produción avícola e porcina, xa que o sector se atopa sobredimensionado en relación á capacidade biofísica dos ecosistemas españois. Aínda así, dado que a necesidade de man de obra é maior na produción ecolóxica, o número de persoas ocupadas neste eido non se vería afectado e, de feito, podería aumentar.

No caso da produción vexetal, a maior parte da oferta de emprego procedería da produción de legumes e hortalizas ao incrementarse a superficie destinada a cultivo. Din que nun escenario de transición agroecolóxica os legumes xogan un papel central nas rotacións de cultivo e na fixación de nitróxeno, reducindo así a dependencia dos fertilizantes de síntese.

 

AS CONSECUENCIAS DA INDUSTRIALIZACIÓN NO SISTEMA AGROALIMENTARIO

A principal función do sector é producir alimentos sans e sostibles para toda a poboación mundial. Con todo, tamén é o sustento de miles de millóns de persoas como produtoras. En España e en Europa a industrialización do sistema agroalimentario favoreceu o abandono da actividade agraria, sector que tradicionalmente fixa a poboación ao medio rural.

Entre 1999 e 2020 perdéronse o 29 % das explotacións españolas e a man de obra reduciuse nun 20 %. A maioría dos proxectos desaparecidos nas últimas dúas décadas tiña un tamaño de entre unha e cinco hectáreas. En cambio, incrementáronse nun 9 % as explotacións de máis de 100 hectáreas.

Autores como Ruiz Maya e Regidor observan como as granxas pasaron de ser negocios familiares a derivar en sociedades con producións moi intensivas e especializadas.

A evolución da agricultura española durante os últimos cen anos pódese considerar como un proceso de mercantilización crecente da produción. España é a cuarta potencia económica do sector agrario na Unión Europea. Xera o 10,5 % do total dos beneficios. Con todo, o peso económico recae fundamentalmente nas grandes empresas agrarias e gandeiras. Este modelo consideran que supón unha grave ameaza para o desenvolvemento de sistemas alimentarios sostibles xa que os beneficios económicos quedan en moi poucas mans, as que coinciden con aquelas que acaparan maior poder na cadea agroalimentaria.

Ademais, acreditan como a perda de pequenas ganderías familiares supón un grave problema para España, xa que este tipo de explotacións é clave para o desenvolvemento rural, o equilibrio territorial e a cohesión social, aparte de prover de importantes servizos ecosistémicos que se perden coa súa desaparición.

Desde Amigos de la Tierra demandanlles ás administracións promover unha agricultura gandeira de pequena escala, baseada principalmente nunha economía familiar. A maiores, piden garantir que a distribución de subsidios agrarios chegue aos produtores que respecten o medio ambiente e os dereitos das persoas traballadoras, así como establecer mecanismos de control para que os alimentos importados de terceiros países sexan producidos baixo criterios de comercio xusto, respecto dos dereitos humanos e de produción agroecolóxica.

 

FONTE:

Muñoz Rico, A. (Coord.), Rivera Ferre, M. G., Dean, G., Escalante Moreno, H., Infante Amate, J., & Aguilera, E. (2023). El impacto en el empleo de la transición agroecológica en España. Amigos de la Tierra.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.