Aínda que hai outras moitas razóns, e co paso do tempo van mudando, a saúde, o sabor ou o medio ambiente son os principais motivos que se valoran no momento de escoller produtos ecolóxicos.
- En canto á saúde, as persoas que levan unha vida fisicamente máis activa e a coidan están máis inclinadas a incluír alimentos ecolóxicos na súa dieta.
- O sabor vincúlase, moitas veces, aos alimentos locais que as persoas maiores comían na súa infancia, un factor que inflúe principalmente nas persoas de avanzada idade. Ademais, adoita ter máis peso nas persoas que son menos activas e non dan tanta importancia á saúde.
- En canto ao medio ambiente, é un motivo que pesa máis en ecoloxistas e colectivos conscientes dos danos ambientais que supoñen as prácticas de agricultura intensiva.
- Outros dos factores que poden influír son os seguintes: a preocupación pola seguridade alimentaria e o desexo de evitar infeccións tóxicas, a preocupación polo benestar animal e desexo de apoiar as producións locais ou que sexan produtos de moda que lles poden reportar recoñecemento e status social.
PERFIL DO CONSUMIDOR
Os pais e nais, especialmente de bebés ou nenos pequenos, son algúns dos principais consumidores de alimentos ecolóxicos. O obxectivo fundamental é evitar a acumulación de pesticidas no organismo durante o desenvolvemento dos seus fillos. Isto empeza xa no embarazo e logo trasládase ao consumo dos primeiros alimentos da crianza. Outros dos consumidores son as persoas que seguen dietas vexetarianas ou veganas. Ademais destes grupos, nas enquisas saen outros perfís como persoas que teñen mascota ou as que practican deporte regularmente, que adoitan ser tamén consumidores destes produtos.
CALES SON OS PRINCIPAIS OBSTÁCULOS?
Entre un 40 e un 70 % da poboación móstrase positiva cara a este tipo de alimentos, pero tan só entre un 5 e un 10 % deles os compra regularmente. O prezo aparece como a barreira máis importante á hora de aumentar a porcentaxe de alimentos ecolóxicos na cesta da compra. Outro dos factores é a dificultade para atopalos nas tendas habituais, aínda que esta tendencia está a cambiar.