• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

A curva da agricultura eco en Galicia segue en ascenso (1): superficie

Así se desprende dos datos recabados na última Memoria do sector ecolóxico de Galicia, correspondente ao exercicio económico de 2022.

Ao longo de tres entregas, presentamos o diagnóstico da situación da agricultura ecolóxica certificada en Galicia con base en tres parámetros: superficie, número de operadores e volume de vendas. De acordo coas distintas cifras recompiladas, que pasamos a desagregar polo miúdo, podemos adiantar que, malia os atrancos sucedidos nestes últimos anos (como son a Guerra de Ucraína ou a pandemia), a agricultura ecolóxica certificada en Galicia goza de boa saúde.

MÁIS DO 40 % DE AUMENTO NA SUPERFICIE ECOLÓXICA

A superficie ecolóxica actual é de 45.626,82 ha, o que significa un crecemento respecto do exercicio de 2021 dun 42 %, no que se computaron 32.208,98 ha e, se se observa a evolución nos últimos dez anos, detectamos un incremento da porcentaxe do 198 % (en 2012 eran 15242,4 ha dedicadas á agricultura eco).

1. Evolución da superficie certificada por provincias

Como reflicten as gráficas, a superficie ecolóxica certificada na provincia da Coruña era en 2021 de 3.761,59 ha, o que significa un aumento do 34 %. Se botamos a vista á última década, o incremento é moi elocuente, xa que en 2012 o territorio coruñés rexistraba case 1.100 ha, polo que en termos porcentuais alcanza unha suba do 361 % na última década.

Pontevedra sufriu un aumento menos pronunciado, pois de 2.214,44 ha computadas en 2021, acadou 2.870 ha ao ano seguinte, é dicir, a medra foi do 30 %. En canto á retrospectiva dos últimos dez anos, o crecemento foi do 155 %, xa que tiña en 2012 1.125 ha.

Pola súa banda, Ourense viu incrementadas as hectáreas en ecolóxico nun 49 % en 2022, pois en 2021 rexistraron 9.626,81 ha, cifra que subiu ata 14.320,67 no último exercicio. O seu aumento na última década foi do 152 %, pois en 2022 o territorio eco era de 5.679, 88 ha.

Finalmente, a provincia con maior número de hectáreas, Lugo, sufriu un importante ascenso de 2021 a 2022, xa que pasou de 16.606,15 ha a 23.385, 78, o que se traduce nun 41 % máis. A cifra de medra da última década foi do 263 %, pois 2012 contaba con 6.441, 78 ha.

 

⇒ Un par de datos destacados

♦ Lugo segue a liderar o número de ha, con 23.385,78 ha inscritas; tras ela, sitúanse Ourense, con 14.320,67; A Coruña, con 5.050,37, e Pontevedra, con 2.870 ha.

♦ A Coruña é a primeira provincia na súa evolución histórica, pois nos últimos dez anos a liña de ascenso chegou ata o 362 %; detrás dela está Lugo, cun 263 %; e, en terceiro e cuarto lugar, moi igualadas, colócanse Pontevedra, con 155 %, e Ourense, con 152 %.

2. Tipoloxía da superficie ecolóxica certificada 

2.1.Cultivos de terras arables

Das 2.000 terras arables contabilizadas, a provincia luguesa volve posicionarse en primeiro lugar, con case 1.000 ha, cunha suba respecto do ano pasado de 6 puntos, e destaca outro dato importante: a provincia de Ourense acolle 358,53 ha, é dicir, incrementou a terra ecolóxica un 85 % respecto do ano anterior. En sentido negativo, hai que dicir que os territorios da Coruña e Pontevedra decaen un 11 e un 15 %, respectivamente en comparación co ano pasado.

2.2. Pastos permanentes

A cifra total é de algo máis de 37.000 ha e Lugo continúa á cabeza, con 18.187 ha e unha medra do 60 %. Séguea de preto Ourense, con preto de 13.500 e unha suba de case o 50 %. As outras dúas provincias destacan pola súa forte medra, pois A Coruña aumenta un 53 % e en Pontevedra, malia ter moi pouquiña superficie, viuse incrementada nun 61 % en comparanza ao 2021.

2.3. Cultivos permanentes

En canto aos cultivos permanentes, compútanse 6.512 ha, das cales Lugo dedica preto do 80 % do total, con algo máis de 4.000 hectáreas. Séguenlle de lonxe Pontevedra, con algo máis de 1.000, e Ourense e A Coruña, en terceiro e cuarto lugar. Neste caso, o dato significativo o marca Ourense, pois sufriu un incremento no uso de hectáreas dedicadas a cultivos permanentes do 29 % respecto do anterior exercicio.

3. Tipoloxía de cultivos

O total de cultivos de terras arables é de algo máis de 2.000 hectáreas, das cales máis do 60 % se dedica a plantas recollidas de verde, e dentro delas, a maioría se destinan a praderías e pastos temporais (1.177, 27 ha). Por orde cuantitativa, as plantas recollidas de verde acadan o primeiro lugar e séguenlle os cereais para a produción de gran, as hortalizas frescas e amorodos, a terra dedicada a barbeito e, moi atrás, con tan só 38 ha, os tubérculos e raíces e cultivos industriais.

Respecto dos pastos permanentes, das case 38.000 ha, 21.353,78 ocúpanas os pastos e praderías permanentes, mentres que as 15.760,15 restantes son pastos pobres (terreo forestal con carga gandeira).

Finalmente, en canto aos cultivos permanentes, das 6.512,73 ha totais, case o 100 % se destina a consumo humano, das cales a maior extensión a ocupa o cultivo de froitos secos, castañas maioritariamente, con 2.402,59 ha. En segundo posto sitúase, bastante de lonxe, o cultivo das froitas de zonas climáticas temperadas, nomeadamente a mazá, que acadou en 2022 un total de  433,91 ha.

 

 

 

 

 

 

 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.