• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

A CE pídelle a España máis implicación en materia eco para acadar o obxectivo do 25 % en 2030

O pasado xoves 15 de abril asistimos á conferencia virtual na que se incluíu a presentación do Plan de acción ecolóxico europeo, retransmitida dende a web da Asociación Española de Elaboradores y Comercializadores Ecológicos Asobio coa colaboración de Vida Sana, SEAE e Intereco.

O evento, que concentrou máis de mil persoas, estivo coordinado por Joan Picazos, presidente da citada asociación, e nel interviñeron José Miguel Herrero Velasco, director xeral da Industria Alimentaria, MAPA; Diego Canga, conselleiro principal da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural na Comisión Europea, quen previamente ofreceu unha conferencia de prensa; Aina Calafat, técnica de SEAE Ecoregión Mallorca, quen presentou o modelo de biodistrito que se está a levar a cabo nas Baleares; e Marijo Imaz, técnica do concello de Orduña (Biscaia), quen deu a coñecer o sistema de compra pública de produto ecolóxico que se puxo en marcha no seu municipio. Ao final, Picazos trasladoulles aos participantes a rolda de preguntas presentadas polos asistentes.

A REVOLUCIÓN VERDE

Na apertura da xornada, Joan Picazos mostrouse convencido de que este plan vai constituír “unha revolución” e pensa que é “un antes e un despois no sistema agroalimentario e un impulso decidido cara a un sistema máis xusto, máis saudable e máis sostible”.” A execución deste plan parece que pode ser unha contribución ao crecemento económico, máis necesario que nunca, dirixido dende unhas liñas de máis sentido común e, máis concretamente, implica o desenvolvemento da axenda comunitaria no que se refire á produción ecolóxica en relación á estratexia ‘Da granxa á mesa’ co obxectivo coñecido por todos, tan ambicioso e tan importante, de alcanzar en 2030 o 25 % de superficie agraria en produción ecolóxica”, recordou. Entre os datos que destacou en concreto en materia de agricultura ecolóxica en España salientan os seguintes:

  • España gasta 2.400 millóns de euros en consumo eco, é dicir, algo más 50 euros per cápita.
  • O número de operadores aumenta de ano en ano: 50.000 empresas vinculadas profesionalmente ao sector eco na actualidade.
  • Con máis de 2,3 millóns de hectáreas, é o principal produtor europeo, pero a superficie ecolóxica tan só representa o 9,3 % do total e demostra o reto que se ten por diante ata chegar ao 25 % proposto en 2030.

 LIÑAS DE ACTUACIÓN PÚBLICAS

Tras a súa exposición, deulle paso á primeira intervención, a cargo de Herrero Velasco, quen puxo ao día sobre a estratexia nacional en agricultura ecolóxica. Presentou as liñas de actuación da Dirección Xeral de Agricultura Alimentaria, máis concretamente da subdirección específica en materia de agricultura eco, que está a elaborar unha folla de ruta para conseguir os obxectivos que marca a Unión Europea (UE). Entre outras iniciativas, citou a participación activa nos foros na UE, así como coas autoridades de control, impulsando o desenvolvemento e a transformación da agricultura convencional a eco. Así mesmo, fixo fincapé nos datos da evolución da agricultura eco e apuntou que “é difícil atopar nestes momentos un sector que medra a dous díxitos; por iso, o sector eco é unha illa: estase creando emprego, apostando pola gandería e agricultura eco, e as cifras se van incrementando, isto non é ao azar, senón que detrás hai persoas que loitan por esta ‘transformación verde”.

“OBXECTIVO: CHEGAR AO 25 % DE SUPERFICIE ECOLÓXICA NUNHA DÉCADA”

Tras salientar a importancia do plan, cedeulle a palabra a un dos creadores e impulsores deste documento, Diego Canga, quen explicou, paso por paso e lembrando que se inclúe no chamado Pacto Verde”, as estratexias fundamentais “Da granxa á mesa” e “Biodiversidade”. Ademais, remarcou o obxectivo posto en 2030: conseguir que o 25 % do solo agrícola da UE sexa destinado á agricultura ecolóxica e que aumente significativamente a acuicultura ecolóxica, tendo en conta que hoxe estamos no 8 %. Como conseguir eses 10 puntos máis é a base fundamental deste plan e sobre esta se centrou Canga na súa charla.

Entre os principais parámetros nos que se estrutura o plan, citou os seguintes:

  • Efectos positivos para o medio ambiente, clima, biodiversidade, benestar animal etc.
  • Efectos multiplicadores: incrementar a agricultura ecolóxica ten inmediatas repercusións positivas noutros obxectivos de ambas as estratexias arriba citadas.
  • Ata un 10 % máis do que se conseguiría extrapolando a partir das tendencias actuais.
  • Puntos de partida moi diferentes entre os Estados membros (dende un 0,5 % ata un 25 % de terras agrícolas destinadas a este tipo de agricultura): España sitúase nun 9 % da superficie, Bulgaria no 2 % e Austria xa está no 25 %.

Tamén fixo referencia ás recomendacións da PAC en materia de agricultura ecolóxica para España, como o reforzo das superficies, réximes adecuados de reconversión, o mantemento e a incentivación da crecente demanda dos produtos ecolóxicos na cadea alimentaria e na organización dos mercados. Neste sentido, apuntou que vai recibir case 20 millóns de euros para o programa de distribución de froitas, hortalizas e leite nos centros escolares e espera que unha cantidade se destine á agricultura ecolóxica, malia que é unha decisión que lles corresponde ás autoridades españolas.

Canga apuntou que España vai recibir case 20 millóns de euros para o programa de distribución de froitas, hortalizas e leite nos centros escolares e espera que unha cantidade se destine á agricultura ecolóxica

Entre as vantaxes do Plan, o representante europeo citou tres piares básicos: a estabilidade xurídica, fundamental para os agricultores que se plantean a conversión; substanciais incentivos financeiros (a PAC, Horizonte Europa, política de promoción agrícola) e a confianza pública nos produtos eco a través do recoñecemento público do logotipo ecolóxico.

Entre os inconvenientes, citou os diferentes puntos de partida entre os Estados membros e o feito de que “sempre hai risco de fraude”, polo que a confianza dos consumidores é decisiva.

A continuación describiu punto por punto as 23 accións que se inclúen neste proxecto, entre as que se poden salientar o seguimento da aplicación a nivel nacional dos plans para que se traduza nunha realidade, o reforzo da organización do propio sector, a implicación e a colaboración do sector privado en materia ecolóxica ou o apoio á investigación específica para que esta agricultura mellore e avance.

QUE É UNHA ECORREXIÓN?

Tras a presentación do plan, Picazos deu paso á exposición de Aina Calafat, técnica de SEAE Ecorregión Mallorca, quen contou que dende esta entidade están desenvolvendo o caso concreto da Ecorrexión en Mallorca. Tras explicar o concepto de `ecorrexión´, apuntou que hoxe existen 48 rexións en Europa co acordo firmado e 10 más en desenvolvemento. Despois, centrouse no exemplo de Mallorca no seu proceso de ecorrexión, que se plantea como unha grande oportunidade ante a situación socio-económica actual.

COMPRA PÚBLICA VERDE: O EXEMPLO DE ORDUÑA

A última en intervir foi Marijo Imaz, técnica do municipio vasco de Orduña (Biscaia), quen deu a coñecer a súa experiencia concreta na compra pública de produto ecolóxico, un proxecto que arrancou en 2000, nun municipio en crise naquel momento, e con moita destrución de postos de traballo, que apostou polo sector primario e pola transición ecolóxica ata a creación en 2006 do Servizo de Dinamización Local Agroecolóxico. Este servizo, entre outras cousas, puxo en marcha o reforzo de consumo-comercialización en circuíto curto, así como o proxecto “cociña municipal e compra pública verde”, a compra pública de alimentos ecolóxicos, de temporada e de proximidade, para xerar oportunidades entre os pequenos produtores e chegar aos consumidores. O tempo deulle a razón a esta estratexia e na actualidade as cifras a avalan tanto no aumento de superficie agraria en ecolóxico, como no que respecta aos produtores e aos consumidores en ecolóxico así como no investimento en alimentación ecolóxica nos comedores escolares. Picazos definiu o proxecto como “emocionante e espectacular” e cre que debe servir como exemplo á hora de traballar no futuro en materia de agricultura ecolóxica.

Vídeo íntegro da conferencia e máis documentación de interese

Documento íntegro do Plan

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.