• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

A Fundación Juana de Vega convoca a primeira edición do Premio ao Emprendemento Agroalimentario

A Fundación Juana de Vega pon en marcha o XI Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias, un programa de formación e mentorización orientado a axudar aos emprendedores no deseño e na implantación dos seus proxectos empresariais, así como para empresas existentes que necesitan abordar proxectos de mellora ou de expansión. As persoas interesadas poden participar ata o 30 de novembro

En pasadas edicións, empresas que forman parte do Craega obtiveron apoio do Programa: na quinta edición a beneficiaria foi cooperativa A Carqueixa (Os Ancares, Lugo), mentres que na sexta o foron Trasdeza Natur (Silleda, Pontevedra) e Carabuñas (Vilar de Santos, Ourense) e na novena foi a quenda de Traloagro (Friol, Lugo) e Zumiño (O Rosal, Pontevedra).

Poderán participar tanto empresas existentes como novas iniciativas empresariais nos ámbitos agroalimentario, forestal, marisqueiro e pesqueiro, ou outros sectores da bioeconomía, así como proxectos de base tecnolóxica e servizos relacionados cos anteriores, que se desenvolvan no ámbito xeográfico de Galicia. O programa conta con dúas modalidades: “Emprendemento” e “Crecemento e consolidación”.

Á primeira poden postular aquelas persoas que queiran crear novas empresas ou poñer en marcha iniciativas empresariais que estean en proceso de deseño da idea e de definición do modelo de negocio; aquelas de nova creación ou en fase de lanzamento; en fase de sucesión e recuperación e proxectos de posta en valor de activos rurais improdutivos.

Na categoría de “Crecemento e consolidación” poderán concorrer todos aqueles autónomos, micropemes e pemes que, con independencia do seu tamaño, estean en funcionamento e necesiten realizar unha revisión estratéxica do seu negocio ou levar a cabo unha investigación de mercado.

PREMIO AO EMPRENDEMENTO

Dentro do propio Programa e co obxectivo de apoiar o sector agroalimentario na súa implantación, a Fundación crea a primeira edición do Premio ao Emprendemento Agroalimentario.

Este recoñecemento consistirá nun cheque por valor de 3.000 €, que o gañador poderá usar en sesións de apoio con mentores designados durante un período de 5 meses. O cheque equivale a un total de 30 horas de mentorización e acompañamento á empresa durante as primeiras etapas de lanzamento.

Poderán optar ao premio os participantes no XI PAEA na modalidade de “Emprendemento” e entregarase nun acto público que terá lugar a finais de 2023.

Consulta as bases do Programa

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.