Santiago de Compostela será a sede da segunda edición de Galicia Etiqueta Calidade, que organiza a Consellería do Medio Rural. O encontro será a partir do mércores 26 de outubro no Hotel Monumento de San Francisco e nel poñeranse en valor as producións galegas.
Durante a xornada do xoves haberá unha exposición de produtos ecolóxicos que contan coa certificación do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), que poden ser incorporados en comedores de colectividades. Durante a mesma sesión, darase a coñecer a campaña “Come Local”, que organizan conxuntamente a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e Slow Food Compostela e na que colabora o Craega. Haberá unha mesa redonda para coñecer cales son os retos do futuro e como é posible adaptar estas estratexias para ofrecer comidas responsables de calidade.
Ademais, o presidente da entidade, Francisco López Valladares, estará presente no acto de clausura do venres, no que se presentarán as conclusións dos intercambios e debates que xurdan nas xornadas previas.