O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) volveu viaxar a Núremberg, tras o parón obrigado por mor da pandemia, xunto a preto dunha decena de operadores certificados, para asistir á 33.ª edición da Feira Internacional de Produtos Orgánicos Biofach, combinada con Vivaness (Feira Internacional do Coidado Persoal Natural e Orgánico), que se desenvolveu entre o martes 26 e o venres 29 de xullo no Exhibition Centre Nuremberg (Alemaña).
Nesta ocasión os embaixadores galegos ecolóxicos co selo do Craega foron Lacto Baltar, Avieco, Camoco Foods, Connorsa, Refix, Conservas Ortiz, Mieles Anta e Porto-Muíños, ademais de Mariñeiras Daveiga, que asistiu con expositor propio.
Bodegón dos produtos ecolóxicos galegos no centro histórico de Núremberg
A PALABRA DO PRODUTOR
Os nove operadores amosáronse satisfeitos por volver encontrarse con produtores internacionais neste evento e intercambiar sinerxias, coñecer o labor doutros países, levar a produción galega eco fóra das nosas fronteiras… Nas súas propias palabras, Álvaro Pérez, xerente de Lacto Baltar, afirmou o seu interese na feira “por mostrar a súa liña ecolóxica para consumo directo e para o uso na elaboración de xeados”. Íñigo Tena, Export Manager de Connorsa, declarou que “Conservas del Noroeste presenta en Biofach a súa nova imaxe, máis moderna e atractiva, da marca Cabo de Peñas ecolóxica”; Ander Montalvo, Export Manager de Conservas Ortiz, incidiu en que “a marca busca dar a coñecer a súa gama ecolóxica nos mercados europeos”; pola súa banda, Laura Pérez, Export Manager de Mieles Anta, lembrou que “tras máis de quince anos asistindo a Biofach, Mieles Anta continúa representando o mel orgánico galego en Europa”; Raúl Anta, Founder de Refix, resaltou que “Refix, bebida natural alcalina, isotónica e de recuperación con 20 % de auga de mar de Galicia e 78 minerais, comeza a grande expansión por Europa coa presentación dos seus produtos en Biofach”; Gabriela Licett, delegada comercial de Camoco Foods, pensa que é “unha grande oportunidade para presentar a nosa liña orgánica destinada a fabricantes do sector bio” e, finalmente, Bibiana Canosa, Export Manager de Porto-Muíños, salienta que un ano máis volveron a Alemaña “coa nosa liña de produtos con algas e envases máis sostibles, tan demandados no momento actual”.
ENCONTRO CON LUIS PLANAS, MINISTRO DE AGRICULTURA
Por terceiro ano consecutivo, a Federación Española de Industrias de Alimentación e Bebidas (FIAB), co apoio do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), organizou o pavillón agrupado español e ata alí se achegou o ministro, Luis Planas, quen tamén se reuniu co ministro federal de Alimentación e Agricultura, Cem Özdemir, para intercambiar opinións sobre asuntos de actualidade agroalimentaria.
Durante a visita, Planas puxo de relevo o carácter estratéxico do sector ecolóxico español e reiteroulles aos produtores o apoio do Goberno para aproveitar o seu gran potencial de crecemento nos vindeiros anos.
O ministro dirixiuse aos representantes das 104 empresas españolas, distribuídas en 11 pavillóns, aos que asegurou que a súa presenza nesta feira está “moi xustificada”, xa que Alemaña é o primeiro mercado para os alimentos ecolóxicos españois.
No seu percorrido polo pavillón, tamén se achegou ata os postos do Craega, nos que puido coñecer de preto o bo facer dos operadores ecolóxicos galegos.
BIOFACH&VIVANESS, REFERENTE MUNDIAL PARA O SECTOR
Este ano o tándem tan esperado composto por Biofach Vivaness celebrou o seu regreso cunha “edición de verán” única na que se rexistraron máis de 24.000 visitantes profesionais procedentes de 137 países. Aproveitando a oportunidade de intercambios persoais, redes e debates en profundidade sobre temas de actualidade, descubriron innovacións e tendencias e gozaron da experiencia dunha variada gama de produtos dos 2.276 expositores de 94 países, polo que tamén foi, sen dúbida, unha excelente oportunidade para difundir a produción galega certificada en ecolóxico.
PRÓXIMA CITA, FEBREIRO DE 2023
Este encontro volverá ao recinto ferial de Núremberg entre o 14 e o 17 de febreiro de 2023 e para esta edición a organización ten pensado afondar na pregunta “Agricultura ecolóxica, protección do clima e saúde: cal é a conexión entre un chan san e persoas sas?”, un enfoque temático que será desenvolvido conxuntamente por IFOAM-Organics International, BÖLW (Federación Alemá de Produtores de Alimentos Ecolóxicos) e Biofach.