Os vindeiros días 27 e 28 terá lugar unha nova acción formativa organizada polo Craega, que abordará a promoción e comercialización das producións cárnica e silvícola.
Esta Xornada será emitida por YouTube en directo na canle do Craega e cada sesión terá unha duración de dúas horas, en horario de 10:25 a 12:30 h.
PROGRAMA
O día 27 de Nadal, o director de AGACAL, José Luis Cabarcos, inaugurará esta primeira sesión na que estarán presentes Diego Canga Fano, conselleiro principal da Comisión Europea na Dirección Xeral de Agricultura e Medio Rural, quen analizará o Plan de Acción para a Produción Ecolóxica, así como a Estratexia da Granxa á Mesa, ambos da Comisión Europea; Jon Garai, coordinador de Asociación Ekoalde Elkartea, agrupación de produtores e elaboradores ecolóxicos de Navarra, quen amosará o exemplo da produción e comercialización no seu territorio, e Isabel Gómez, xerente de Traloagro S.L. (Friol, Lugo), quen contará a súa experiencia de empresa familiar que produce actualmente carne de vacún e polo en ecolóxico, e que vende dende a sala de despezamento e tenda supermercado de Friol, así como dende a Praza de Abastos en Lugo.
O día 28 integran o programa Jean Luc Bellat, consultor en JLB Consulting no ámbito agroalimentario, especialista no mundo da castaña e xerente en Decorin Sàrl, quen nos ensinará como funciona en Francia o mercado da castaña; Rubén Fernández, conselleiro delegado da empresa familiar fonsagradina Casa Castelao SL, abordará o sector porcino en ecolóxico, e Maite Bruzos, responsable de Calidade en Pazo de Lusío S.L., amosará como evolucionou a empresa, cales son as dificultades desta produción e como están a vender en diferentes mercados. Finalmente, Rocío Freire, vicepresidenta do Craega, será a encargada de clausurar estas xornadas formativas.
- Podedes solicitar toda a información a través do correo craega27dec@gmail.com ou no teléfono 678 645 549.
- Programa completo en PDF
- Vídeo do programa
- Enlace Youtube para ver a primeira xornada
- Enlace Youtube para ver a segunda xornada