O Craega participou por segundo ano na campaña “Come Local”, que leva a cabo a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) nos comedores escolares galegos. Slow Food Compostela foi a encargada de promover os produtos dentro das DOP, IXP e da agricultura ecolóxica de proximidade. A iniciativa levouse a cabo en 20 centros educativos, repartidos polas provincias galegas, entre eles os Comedores Escolares distinguidos como Km 0.
Esta proposta abordou actividades formativas, tanto sobre as características nutricionais dos produtos eco como o impacto que supón o consumo de alimentos certificados na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU (ODS), ademais de degustar os menús especiais elaborados con produtos de proximidade galegos, algúns deles facilitados polo Craega.
OS MENÚS ECO DOS CENTROS PARTICIPANTES
Os diferentes centros participantes nesta iniciativa puideron saborear variados produtos eco e preparar unhas receitas saborosas que saborearon os usuarios dos seus comedores. No CEIP Xacinto Amigo Lera (Portomouro) prepararon unhas cremas de leite de vainilla e canela e xeado manteigoso de froitos vermellos, feitos con leite eco; no CEIP Vicente Otero Valcárcel (Carral) kiwi e leite eco; no CEIP López Ferreiro (Compostela) arroz con leite eco e canela; no Colexio La Milagrosa de Santiago de Compostela xeados eco; no Colexio Alca de Ames, leite ecolóxico e salsa de tomate eco; no CEIP Santa Baia de Boiro, polo eco con patacas e chícharos e iogures eco; no CEIP Manuel Mato Vizoso de Vilalba, leite ecolóxico, salsa de tomate eco e hamburguesa de tenreira eco, co que elaboraron pudín de leite, pasta á boloñesa e hamburguesa con pan, cebola, leituga e tomate; no CEIP Rosalía de Castro de Bóveda, kiwi e tomate ecolóxico; no CEIP Joaquina Gallego Jorreto de A Merca, arroz con leite eco; no CEIP Carlos Cid Arregui de Rairiz de Vega, xeados eco e hamburguesa de tenreira eco; no Colexio Salesianos-A Mercé de Cambados, xeado ecolóxico e marmelo eco; no CEIP A Lomba de Vilagarcía de Arousa, guiso de polo eco; no CEIP A Paz de Coruxo (Vigo), brochetas de polo eco con froitas e verduras e no CEIP Santa Eulalia (Dumbría), cabaciña gratinada con queixo da DOP San Simón da Costa e polo eco e kiwi eco.