• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

A revista do verán chega cargada de cor, espazos únicos e boas novas

 

Chega o número 57 da nosa revista, que podedes visualizar xa en formato dixital. A edición de verán inclúe, coma cada ano, un especial no que debullamos as cifras que se recollen na Memoria anual referente aos datos de 2020, que reflicten un aumento no número de hectáreas, no número de operadores e, o máis salientable, na facturación. A presentación tivo lugar no pazo de Quián (Sergude, Boqueixón) e agora podedes vela en vídeo a través da nosa canle de Youtube ou dende a revista tan só con activar o voso código QR.

Para a nosa sección de entrevistas, desta volta paramos no pazo de Sabadelle (Chantada), que rexenta Xosé Figueiroa, un espazo moi especial e cheo de historia no que se poden saborear alimentos ecolóxicos  e de km 0, ademais de coñecer de preto un emblemático recuncho da nosa cultura.

Neste número incluímos dúas reportaxes. Na primeira coñecemos o nacemento das  Galletas Mariñeiras, o selo de identidade da empresa chantadina Daveiga. Na segunda dámoslles voz aos creadores dos únicos xeados ecolóxicos galegos, The Bio Factory, que se asentan na Coruña.

Volve Rocío Garrido, responsable do blog  La Cocina de mi Abuelo, á nosa sección de cociña eco, desta vez cun menú fresco, sinxelo e cheo de cor.

Na nosa axenda recompilamos as diferentes feiras programadas para os vindeiros meses e lembramos algunhas das noticias vinculadas ao noso labor dos últimos meses, como a nova campaña “Máis preto, máis eco”, en apoio ao pequeno comercio, ou o convenio que acabamos de asinar coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) co fin de seguir apoiando o sector.

A revista ao completo en formato dixital, aquí.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.